Friday 22 de November de 2024

O Partido Popular de Oleiros defende a política sanitaria da Xunta de Galicia no concello


Os Populares saen ao paso das críticas vertidas recentemente en prensa polo grupo municipal do PSOE

Desde o Partido Popular estamos convencidos que hai sobradas razóns para valorar positivamente a xestión sanitaria que está levado a cabo a Xunta de Galicia no concello de Oleiros.
De feito, Oleiros conta con catro Centros Asistenciais, convertendo ao concello no que máis centros dispón da área Sanitaria A Coruña-Cee, só por detrás da Coruña.

Estes centros asistenciais, entre os que se atopan os Centros de Saúde de Perillo, Santa Cruz, A Covada, Mera e o Punto de Atención Continuada de Oleiros, contan cun total de 82 profesionais para dar servizo aos máis de 36.000 cidadáns con Tarxeta Individual Sanitaria (TIS) que figuran no concello oleirense.
En canto ao Consultorio de Mera, sitúase nun edificio de case 1000 m2, dos que ocupa unha cuarta parte e conta con dúas consultas de médico de familia, dúas de enfermería, unha consulta de pediatría, así como recepción e área administrativa, aseos e sala de espera. Nas súas dependencias reciben asistencia sanitaria 2.800 veciños, dos que unha terceira parte son maiores de 64 anos e hai 212 nenos, de 0 a 14 anos. O Consultorio conta con dous médicos de familia, dous enfermeiros e un pediatra, que atende luns e mércores de 8 a 10 e no Centro de Saúde de Santa Cruz -a pouco máis de 4 km- o resto do tempo. Pecha o cadro de efectivos do centro un profesional de xestión e un técnico auxiliar de enfermería.

Sobre este particular referiuse Loli Silva, portavoz municipal do Partido Popular, quen declarou: “Ao noso xuízo, a xestión e planificación sanitaria posta en marcha pola Xunta de Galicia no concello vai, sen dúbida, polo camiño correcto. E isto non é unha opinión, senón un feito: a cociente de medicina de familia en Oleiros sitúase en 1.303 Tarxetas Sanitarias Individuais por cada médico de familia, mellorando a media de 1.367 da área Sanitaria A Coruña-Cee, o que se pode traducir en 60 pacientes menos por facultativo.”
“Ademais, recentemente a Xunta realizou investimentos no Consultorio de Mera por máis de 50.000 euros, incluíndo melloras de mantemento e de equipamentos, coa adquisición dun novo desfibrilador, padiolas, gasometría e sistemas de monitorización de constantes vitais, entre outros”, concluíu Silva.