Friday 22 de November de 2024

O BNG denuncia a falta de avances no PXOM trala celebración da Comisión Especial


Na Comisión Especial do PXOM celebrada o pasado xoves día 17 o goberno municipal non presentou ningún avance cara a aprobación do PXOM respecto ao plan presentado en 2017 á Xunta.

O goberno municipal non puxo a disposición do resto de grupos políticos documentación algunha.

O BNG de Culleredo valora de xeito moi negativo a reunión da Comisión Especial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) celebrada no día de onte, xoves 17 de outubro, a primeira nos últimos case 8 anos con Rioboo como Alcalde. A reunión foi estéril en tódolos sentidos. Nin sequera se puxo documentación algunha a disposición dos grupos políticos para o seu estudo, sendo a primeira ocasión na que a maior parte das concelleiras e concelleiros asistentes terían a oportunidade de acceder ao expediente relativo á tramitación do PXOM.

Máis alá da absoluta falta de transparencia que supón que o goberno municipal non facilitase documentación algunha sobre o desenvolvemento do proxecto, a reunión non levou a conclusión algunha, nin do estado actual da tramitación, nin da validez dos informes emitidos polas numerosas administracións involucradas na súa aprobación, nin da folla de ruta cara unha aprobación definitiva deste plan de ordenación urbanística.

A reunión mantida no día de onte, e que contou coa participación de xeito telemático da Directora Xeral de Urbanismo da Xunta de Galiza, Dona Encarnación Rivas, non deixa máis que dúbidas: dúbidas sobre o interese real e a capacidade do goberno municipal de Culleredo para avanzar na tramitación do PXOM cara unha aprobación definitiva, e dúbidas respecto do posicionamento da Xunta de Galiza (administración que debe dar o seu aprobado final ao proxecto) no referente á validez do traballo feito até o momento. O Sr. Rioboo transmite moita inquietude por non aceptar as liñas vermellas que lle indicaron tanto a avaliación ambiental da Consellería de Medio Ambiente (que pode ser consultada no enlace indicado máis abaixo*), coma os propios servizos municipais.

Desde o BNG consideramos fundamental contar cun novo PXOM que dea solución real aos problemas de Culleredo e non só aos intereses de grupos especuladores. Este é un instrumento fundamental para desenvolver políticas sociais que na actualidade se demostran como unha gran preocupación para a veciñanza, como poden ser o acceso á vivenda, a proximidade de servizos sociais, educativos e asistencias, ou a protección do noso medioambiente.