Friday 22 de November de 2024

O goberno de Ribeira traslada ao IGVS medidas para facilitar o acceso á vivenda Compostela 17 de outubro de 2024


O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, reuniuse hoxe co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, a quen lle trasladou a necesidade de establecer accións que permitan facilitar o acceso á vivenda para as familias e a mocidade do municipio.

Durante o encontro, o rexedor trasladou varias medidas que facilitarían o acceso á vivenda, neste sentido trasladou propostas como a rehabilitación de vivendas antigas para destinalas a alugueiros asequibles ou facilitar a finalización de urbanizacións e edificios que aínda se manteñen sen rematar.
Ademais Pérez Barral solicitou que Ribeira se inclúa no programa de construción de vivenda protexida emprendida polo Goberno galego para aliviar as dificultades de acceso á vivenda pero esta cuestión foi desbotada polo secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, quen informou de que non existe previsión de que a Xunta de Galicia vaia facer vivendas de protección oficial no municipio.

O secretario xeral trasladoulle ao rexedor as diferentes liñas de axudas existentes para o sector privado e particulares como as axudas a promotores de vivendas para alugueiro, o programa de mobilización de vivendas para alugueiro e as que teñen para axentes da propiedade inmobiliaria e xestores inmobiliarios.
Xornada informativa sobre subvencións

O rexedor abordou a necesidade promover o coñecemento destas liñas de subvención algo que se viu con bos ollos e ambas Administracións quedaron emprazadas a realizar unha xornada informativa, dirixida aos axentes e xestores inmobiliarios da zona, para explicar polo miúdo estes programas, a través do cal a Administración autonómica ofrece aos propietarios de vivendas a seguridade necesaria a través dun seguro de falta de pagamentos e outro multirrisco do fogar, así como asistencia xurídica, sen ningún tipo de custo para os mesmos.