Friday 22 de November de 2024

O IES Agra de Leborís acolleu a función teatral “Vía Morta” a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade


O espectáculo pretende mostrar a realidade das persoas refuxiadas.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade escolleu o IES Agra de Leborís da Laracha para iniciar a xira de Vía Morta, un espectáculo de teatro inmersivo escenificado por Pallasos en Rebeldía que pretende mostrar aos asistentes a realidade das persoas refuxiadas mediante unha proposta que converte ao espectador nun refuxiado máis.

A función teatral realizouse en horario lectivo e coa asistencia do alumnado de 4º de ESO do centro. Complementouse cunha mostra fotográfica con imaxes de Mai Saki dos campos de persoas refuxiadas que estivo exposta durante a semana no instituto. A iniciativa foi cofinanciada polo Concello e a Xunta de Galicia.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por concellos e deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo. A Laracha concentra a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.