O concelleiro Xesús Domínguez destaca o avance na execución dos remanentes, aprobado no mes xullo.
A Concellaría de Proxectos e Obras, que dirixe Xesús Domínguez, rematou o acondicionamento de dúas parcelas adxacentes aos centros educativos Ramón Cabanillas e Quiroga Palacios como aparcadoiros provisionais. Estas dúas actuacións fixéronse con cargo aos remanentes e confirman o compromiso deste goberno de avanzar nas actuacións para mellorar a vida da veciñanza.
En concreto, o Concello acondicionou dúas parcelas de titularidade municipal adxacentes aos dous CEIP como medida provisional ata que non se desenvolva o destino dotacional que o Plan Xeral de Ordención Municipal lles outorga.
Os traballos, que se desenvolveron con cargo aos remanentes aprobados en xullo deste ano, consistiron en roza e limpeza do espazo, preparación da superficie (rasanteo, nivelación e compactación do terreo), aporte de saburra estendida e compactada, delimitación das prazas de aparcamento e adecuación do acceso das parceles, sumidoiros e bordos.
Adicionalmente, no caso da parcela corresponden co CEIP Ramón Cabanillas os traballos incluíron a formación dun noiro perimetral, con aporte de terra vexetal e posterior sembra para formar unha pequena barreira de protección para os vehículos fronte ao distinto nivel cos noiros existentes.
Uns 3.500 metros cadrados acondicionados
Entre as dúas parcelas, suman uns 3.500 metros cadrados acondicionados. Concretamente, no CEIP Quiroga Palacios habilitáronse 2.500 metros cadrados, xa que os desniveis do terreo non permiten o uso como aparcadoiro en toda a superficie, con 78 prazas de aparcamento. O orzamento desta actuación foi de 16.191,74 euros IVE engadido.
No caso do CEIP Ramón Cabanillas a superficie habilitada (excluíndo a zona do centro de transformación) alcanza os 917 metros cadrados para 43 prazas de apacamento. O orzamento foi de 9.708,74 euros IVE engadido.
O concelleiro de Obras valorou esta medida e indicou que o seu departamento continúa traballando no resto de compromisos e, singularmente, no que ten que ver cos remanentes, no que están impulsadas o en marcha diferentes accións como o pintado de bancos e barandas ou actucións de mellora de drenaxe.