Friday 22 de November de 2024

Partido Popular de Oleiros: “En 2027, non só reverteremos a subida xeral de impostos anunciada polo Alcalde senón que os baixaremos”


Considera que non hai xustificación algunha a unha subida xeral salvo tapar o buraco do sobrecusto do Auditorio-Mausoleo de Bastiagueiro.

Para o Partido Popular non existe xustificación algunha para someter aos veciños do municipio a unha subida xeral de impostos, salvo que non saian as contas para 2025 polo lado dos ingresos, ao ter que facer fronte ao sobrecusto do edificio multiusos de Bastiagueiro.
“Esta obra, como xa denunciamos, debido á necesidade de corrixir gravísimos erros na súa cimentación, elevou un 50% o seu custo e, como non, imos pagalo todos a escote”, censurou Loli Silva, Portavoz do Grupo Municipal Popular.
“É unha obra para pompa e ostentación do Alcalde cando o necesario son pavillóns deportivos -de moito menor custo-, distribuídos polo territorio municipal e que dean resposta á demanda de clubs e usuarios ante a saturación dos existentes na actualidade”, engadiu. “En 2027 tamén resolveremos este asunto.”

En opinión do Grupo Popular, cos 500.000€ anuais que destina García Seoane a toda a súa rede de propaganda e axitación e coa supresión das dedicacións exclusivas e asesores, poderíase evitar esa subida.
“A radio municipal, o Vivir en Oleiros, os paneis luminosos, programas en radios privadas etc., ademais de ser medios de comunicación ao servizo do Alcalde, cústannos un ril a todos os oleirenses”, lamentou Silva.