Friday 22 de November de 2024

O BNG da Laracha mantivo reunión cunha representación da ANPA para falar das novidades da situación do IES Agra de Leborís


Na tarde do mércores 16 de outubro celebrouse unha reunión entre o BNG da Laracha e unha representanción da ANPA onde se intercambiaron impresións sobre a situación das demandas do IES Agra de Leborís.

O grupo municipal do BNG trasladou unha copia das inciativas que se rexistraron no Parlamento Galego a través do deputado Daniel Pérez e comprometéronse a seguir apoiando á comunidade educativa en todas as súas reivindicacións.

Por parte de Fernando Gesto, representante da ANPA, informouse de que foi concedida media praza de Pedagoxía Terapéutica, a cal se tiña perdido o curso pasado. Polo tanto, en realidade non sería unha mellora sustancial, pois xa no pasado se manifestou que esta era insuficiente. As familias piden un posto de PT a tempo completo e tamén un posto de profesorado de cupo máis do que teñen agora, para poder rematar cas clases on-line que se están impartindo no Bacharelato. Estas duas demandas serían as máis urxentes.

Por outra banda, lamentan que, mentras lles conceden esta media praza de PT, a todas luces insuficiente para o número do alunmado que ten o centro, se lles denegue o PROA tal e como ven de facerse público.

Finalmente, dende a ANPA trasladáronlles a convocatoria, este vindeiro luns 21 de outubro ás 18:00 horas, dunha marcha de protesta dende o Instituto á Praza do Concello para seguir reivindicando as eivas que padece o centro e que de momento non parece que van ser atendidas pola Consellería.