Friday 22 de November de 2024

Por iniciativa do Partido Popular apróbase por maioría levar as facturas irregulares do goberno de Rioboo ao consello de contas.


∙ “É necesario e urxente acabar con este tipo de prácticas arbitrarias e que supoñen un prexuízo claro para os intereses de todos os veciños de Culleredo”

∙ O abuso que desde o goberno municipal faise o contrato menor é “un prexuízo gravísimo que se nos fai a todos, porque supón pagar máis por servizos de peor calidade”.

Hoxe celebrouse en Culleredo o pleno extraordinario solicitado polo Partido Popular para que o alcalde José Ramón Rioboo e o seu goberno desen explicacións “pola desastrosa xestión de gastos que levaron a cabo en 2023, ano electoral”.

Nunha intervención clara e contundente, a líder e portavoz popular, Izaskun García Gorostizu, enumerou a “vergoñosa lista de irregularidades cometidas por este goberno incapaz e neglixente, que levou a Culleredo a unha situación límite, con niveis de licitación de obras á cola de Galicia e con empresarios e autónomos esperando máis dun ano o pago das súas facturas”.

Precisamente isto último, a tramitación irregular de facturas durante 2023, foi o que levou aos populares a solicitar este pleno extraordinario para depurar responsabilidades por “o que consideramos unha auténtica falta de control do gasto público por parte do alcalde Rioboo e dos seus concelleiros. Manexaron os fondos públicos con total falta de planificación e transparencia, saltándose os procedementos á toureira, sen respecto algún polos veciños e sen querer render contas #ante a oposición”, acusa a líder popular.

Durante o pleno Rioboo tentou “escudarse no cambio de criterio da intervención municipal ao longo do 2023 para xustificar a súa propia incompetencia. Algo que nos resulta vergoñoso, porque son varios os informes de distintos interventores que sinalan a falta de control e xestión do gasto, a falta de persoal, de planificación do control interno, do abuso do contrato menor fronte ao contrato aberto. Un auténtico desastre”, sinala García Gorostizu.

“Temos a obrigación legal e moral de fiscalizar o labor do goberno de Rioboo. Así como Rioboo e o seu goberno teñen a obrigación legal e moral de dar contas dos seus actos #ante o pleno e #ante os veciños”, insiste a portavoz popular. Algo que parece molestar de forma especial á concelleira reprobada Marta Iglesias, que na súa intervención sinalou “que saturamos aos funcionarios pedindo tanto informe, que pedimos por pedir. Ese é o respecto que nos ten a señora Iglesias, que se molesta porque nós si estamos a facer o noso traballo”, insisten desde o Partido Popular.
Os populares lograron o apoio de todos os grupos da oposición para “levar ao consello de contas as irregularidades expostas neste pleno, para que proceda e, se ten a ben, realizar cantas actuacións de fiscalización e investigación consideren oportunas”.