A previsión é que antes de final de ano os bens pasen a ser de titularidade municipal e obxecto de actuacións de posta en valor a partir de 2025.
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse elevar a definitiva a aprobación do proxecto de expropiación de todos os terreos vinculados ao conxunto arquitectónico das Torres de Cillobre, os restos da fortaleza datada no século XIV e que precisamente dan nome ao núcleo no que se sitúan, moi preto do casco urbano da Laracha.
O proxecto de expropiación inclúe catro parcelas catastrais que suman unha superficie total de 2.655 metros cadrados. O investimento alcanzará os 54.000 euros, que o Concello asumirá integramente con fondos municipais.
A adquisición deste destacado elemento histórico é unha antiga aspiración do goberno local, que xa incluíra as Torres de Cillobre no Plan Especial de Patrimonio Cultural co obxectivo de garantir a súa máxima protección. A previsión é que os terreos obxecto da expropiación pasen a ser de titularidade municipal antes de final de ano para que xa en 2025 poidan ser obxecto de proxectos e iniciativas para a súa restauración e posta en valor.
As Torres de Cillobre conforman un dos símbolos do Concello ao aparecer representadas no escudo municipal, o que pon de manifesto a súa relevancia histórica en especial durante a época feudal, na que pertenceron a familias nobres. A día de hoxe aínda se conserva unha parte do muro perimetral e a vivenda da torre.
A Xunta de Goberno tamén concedeu licencias urbanísticas para a construción de vivendas unifamiliares no Cruceiro Novo de Lendo e na Revoltiña de Soandres, e tamén para a rehabilitación integral doutra no Pazo, en Caión.