Friday 22 de November de 2024

O Concello de Boqueixón investirá 60.000 euros na mellora enerxética do pavillón polideportivo do Forte


O alcalde, Ovidio Rodeiro Tato, e o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Munín, asistiron ao acto de replanteo das obras

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Munín, asistiron ao acto de replanteo das obras de mellora da eficiencia enerxética que se van realizar no pavillón polideportivo do Forte. Unha actuación que suporá un investimento de case 60.000 euros, que serán achegados pola Xunta de Galicia a través do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local.

Acompañados por representantes da empresa adxudicataria, Rodeiro Tato e Fernández Munín percorreron as instalacións municipais. “Con esta actuación imos resolver tamén os problemas que están a xerar os danos existentes nas envolventes do polideportivo e que se traducen sobre todo en humidades no interior. Por iso imos primeiro a reparar as gretas e fisuras nas paredes exteriores para despois instalar un novo revestimento máis eficiente, así como instalar un equipo de produción de auga quente sanitaria nos vestiarios para mellorar a comodidade da veciñanza e dos equipos deportivos que utilizan estas instalacións”, explica Ovidio Rodeiro.

Tal e como puideron comprobar alcalde e concelleiro de Obras, as zonas máis afectadas do polideportivo son as fachadas sueste e nordés, xa que son as máis expostas aos ventos e ás chuvias. Por iso procederase a mudar o seu actual revestimento por outro cunha solución SATE e substituiranse os actuais remates de coroación da fachada noroeste e da cuberta da fachada suroeste xa que non resolven adecuadamente a evacuación das augas da chuvia. A maiores, realizarase un selado das zonas afectadas por fisuras e brechas nas paredes, para evitar que no futuro se localicen humidades no interior e evitar os problemas actuais de desconchados nas pinturas interiores. A maiores aplicaranse dúas mans de pintura plástica hidrófuga.

A maiores, o Concello instalará nos vestiarios un equipo de produción de auga quente sanitaria con bomba de calor por aerotermia, cun acumulador de auga quente de 477 litros que mellorará a eficacia na atención ás necesidades de subministro das persoas e entidades usuarias do polideportivo municipal do Forte.