O Concello de Ribeira presentou hoxe o “novo modelo de cidade” destinado a gañar espazos públicos centrados nas persoas, mellorando a mobilidade e aumentando as zonas verdes.
Á presentación acudiron o alcalde, Luís Pérez, o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, o concelleiro de Sanidade, Juan luis Furones e o arquitecto do estudio “2C Arquitectos”, Ángel Cid que se encargou de presentar polo miudo esta importante actuación.
As distintas actuacións que vai emprender o Concello de Ribeira para rematar coas deficiencias que presenta o aparcadoiro do Centenario, como filtracións de auga e humidades, aproveitaranse para reverdecer e mellorar os espazos destinados ás persoas.
A reforma da praza do Centenario está englobada na estratexia de mellorar a mobilidade e o fluxo de persoas entre o barrio das Avesadas, praza do Concello e praza de España. Para iso, establecerase unha plataforma única entre dous enclaves referentes de Ribeira como son o Centenario e a praza do Concello. Esta plataforma estenderase desde a actual Praza do Centenario cara a rúa Otero Pedrayo pero tamén cara á praza Uxío Novoneyra e rúa Mendiño, na que xa se está a actuar.
Tamén se implantará plataforma única desde a Praza do Centenario cara a rúa Avesadas, xerando un espazo a modo de “adro” para o edificio do auditorio xa que actualmente a beirarrúa é demasiado estreita. Coa actuación unificaranse os pavimentos en toda a área, usando formigón puído nas zonas que soporten tráfico rodado e formigón lavado nas zonas peonís. Tamén se incluirá a dotación de nova iluminación pública e mobiliario urbano.
O rexedor Luís Pérez Barral informou que “estas actuacións sentan as bases para outro modelo de cidade; centrado nas persoas, gañando espazos de uso para o benestar da veciñanza, mellorando a mobilidade e reverdecendo os espazos públicos para que as zonas verdes sexan protagonistas e non excepcións”. Pérez Barral salientou que tras estas reformas reforzarase a seguridade viaria reducindo os riscos de accidentes e atropelos, porque o criterio é “protexer vidas”. “Este proxecto é o inicio dun camiño cara a unha Ribeira máis verde, segura e habitable” concluíu.
O arquitecto encargado do proxecto, Ángel Cid, introduciu unha reflexión sobre o reto das vilas e cidades para recualificar o espazo público. Cid abordou o pasado histórico e manifestou que Ribeira creceu coa presión dos vehículos e en moitos casos o espazo quedou colonizado por eles, deixando pouco espazo para as persoas. Neste senso o que se está tratando de facer é reequilibrar eses espazos “non se trata tanto de peatonalizar e de quitar os coches, senón que a ocupación do vehículo sexa aquela necesaria para o seu uso cotián e ao mesmo tempo darlle maior relevancia aos peóns na rúa para dinamizar a vida social, comercial por por suposto a accesibilidade universal” asentou Cid. Dende está reflexión presentase este proxecto “non só da praza en si mesma, senón que proxecta un novo modelo da cidade centrado nas persoas; é importante entender que este investimento proxectarase con novas fases que gardan unha harmonía e non con proxectos illados que cada un vai para un lado sen un sentido global” rematou Ángel.
Esta adxudicación está englobada no marco da actuación subvencionada polos fondos europeos de fortalecemento da actividade comercial. A empresa adxudicataria foi UTE Xestión Ambiental de Contratas, S.L – Prace Servicios y Obras, S.A. por un importe de 1.118.766€. A isto súmaselle os 109.122,47 euros que se están investindo na rúa Mendiño.