Monday 25 de November de 2024

Adxudicadas as obras de construción dun edificio de 50 vivendas municipais que o Concello destinará a alugueiro social en Xuxán


A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores o proxecto para reformar o patio do CEIP María Pita, en Elviña, onde tamén se acometerán melloras de accesibilidade ao centro educativo

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mércores a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, convocatoria na que se aprobou a adxudicación das obras de construción dun edificio de 50 vivendas de titularidade municipal no barrio de Xuxán.

Neste novo bloque residencial, que se erixirá sobre a parcela Z-37 do antigo Parque Ofimático, o Concello promoverá alugueiros sociais, “co obxectivo de dar cumprimento a un dos principais compromisos que asumimos neste mandato: o de impulsar o parque de vivenda pública na cidade da Coruña”, indicou a rexedora. Rey apuntou á importancia de que “todas as Administracións públicas dean un paso á fronte para dar resposta a un problema latente como é a dificultade xeral da cidadanía para acceder á vivenda, sexa en propiedade ou en alugueiro, a custos accesibles”.

A este respecto, o Concello ten previsto aproveitar este soar de titularidade municipal en Xuxán, que conta cunha superficie de 1.600 metros cadrados e unha edificabilidade total de case 7.000 metros cadrados. Cómpre lembrar que, tal e como se informou meses atrás, ao aprobarse o proxecto de construción, unha quinta parte das 50 vivendas serán adaptadas, cinco veces máis do mínimo estipulado pola normativa.

Ademais, nos sotos do edificio haberá 104 prazas de aparcamento, das que un total de 12 serán adaptadas para persoas con mobilidade reducida. Haberá, ademais, 14 prazas de estacionamento para motos e tamén se habilitarán espazos para patinetes eléctricos. A este respecto, do total de prazas de estacionamento proxectadas, medio cento contarán con carga para vehículos eléctricos e as restantes incluirán preinstalación de carga.

As obras, que acometerá a empresa Citanias, teñen un prazo de execución de 24 meses. O investimento previsto polo Concello é de 10,2 millóns, dos que 2,4 son procedentes de fondos Next Generation, unha quinta parte do total.

Licenza para a construción de máis dun cento de vivendas na Lamadosa

Dando continuidade aos asuntos relativos a vivenda, na sesión desta mañá deuse conta do balance de licenzas correspondentes ao período entre o 27 de setembro e o 10 de outubro, con 25 licenzas concedidas e 91 obras en réxime de comunicado.

Entre os expedientes que recibiron o visto e prace da Área de Urbanismo destaca a licenza que habilitará o Grupo Taboran para a construción de 116 vivendas en catro edificios que se construirán sobre outras tantas parcelas na avenida da Lamadosa, en Eirís.
O investimento previsto pola promotora é de máis de dez millóns de euros, con 36 meses para executar os traballos.

Un paso adiante na reforma do patio do CEIP María Pita, en Elviña

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local deu luz verde esta mañá ao proxecto de reforma do patio do CEIP María Pita, no barrio de Elviña, unha medida que aparellará melloras de accesibilidade ao centro educativo desde o sector lindeiro á rolda Camilo José Cela, unha iniciativa que foi valorada positivamente nas convocatorias de Orzamentos Participativos.

O seguinte paso de cara á execución dos traballos será a súa licitación, cun investimento previsto de 141.887,04 euros.

A rexedora reafirmou hoxe “o compromiso amosado polo Concello coa comunidade educativa e os centros escolares da Coruña”, e puxo como exemplo intervencións de mellora que xa están en marcha, como a remodelación e naturalización dos espazos exteriores do CEIP Ramón de la Sagra, situado tamén no barrio de Elviña. O abano de actuacións nos centros educativos coruñeses tamén inclúe a ampliación do parque infantil no CEIP San Francisco Javier, rubricada durante o pasado verán.

A isto súmanse, ademais, intervencións como o proxecto para remodelar a pista multideporte no CEIP Víctor López Seoane, no barrio de Monte Alto. O dito proxecto xa se aprobou a mediados deste ano en Xunta de Goberno Local, o que permitiu avanzar na posta en marcha dos trámites administrativos para a contratación das obras, que incluirán a renovación parcial do peche perimetral do colexio.

Máis de 2,5 millóns para melloras tecnolóxicas e de infraestruturas

Tal e como adiantou a alcaldesa o pasado luns, na Xunta de Goberno Local deste mércores aprobáronse investimentos na cidade por un valor de máis de 2,5 millóns de euros.
Máis da metade deste importe irá destinado ao novo contrato de mantemento do software para o servizo municipal BiciCoruña, co obxectivo de que estea operativo 24×7 todos os días do ano. E, a maiores, para licitar o contrato de servizo de nube pública multicloud, co obxectivo de mellorar e optimizar a infraestrutura dixital de atención á cidadanía.

Por outra banda, deuse o visto e prace ao proxecto para reurbanizar o espazo sueste do Barrio das Flores, que suporá, en termos prácticos, melloras xerais na accesibilidade aos bloques de vivendas e percorridos peonís entre as rúas Azucenas e Petunias, enclave onde tamén se acometerá a renovación integral do parque infantil alí existente. O investimento previsto nesta intervención é dun millón de euros.