Farao a través dun concurso en Facebook e dunha charla na que se mostrará a súa parte máis reivindicativa e adiantada en materia de igualdade. Tamén apoiará á AELG na súa solicitude de proclamar o Día de Rosalía
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, a través do Servizo de Normalización Lingüística (SNL), do CIM e do departamento de prensa pon en marcha o concurso literario ‘Rosalía verso a verso’. Unha convocatoria dirixida a toda a poboación da comarca que queira dar a coñecer publicamente os seus versos favoritos da que é a poeta galega máis importante de todos os tempos. Para participar é necesario facelo a través do evento ‘Concurso Rosalía verso a verso’, creado na páxina do CIM de Ordes. Alí escribirase un post cos fragmentos ou poemas escollidos por cada participante. Se o prefiren poderán recitalos e colgalos en formato vídeo ou audio. O prazo para poder participar manterase aberto ata o vindeiro luns, 22 de febreiro. O post que máis ‘gústames’ reciba (só se contabilizarán os outorgados dende a propia páxina do CIM) será o gañador e obterá como premio libros e material audiovisual da obra rosaliana.
Por outra banda o mesmo mércores, 24 de febreiro a Mancomunidade de Ordes ten prevista unha charla e mesa de traballo na que se afondará na importancia de Rosalía de Castro como promotora da igualdade de dereitos entre homes e mulleres. Falarase do feminismo como unha das temáticas máis importantes de toda a súa bibliografía, e do interese que suscita o seu tratamento na bibliografía dunha autora adiantada ao seu tempo. A cita terá lugar na aula de formación situada na rúa Xoxardo a partir das 10.30 horas. Para acudir é necesaria unha inscripción previa que se pode realizar tanto nas oficinas da Mancomunidade como telefonicamente (981680002). Ao seu remate farase entrega do premio ao gañador do concurso.
Día conmemorativo
Con estas iniciativas a Mancomunidade quere apoiar a moción formulada pola
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na que se solicitan “accións de promoción e difusión da obra da nosa escritora máis ilustre e representativa”, ademais de “proclamar o 24 de febreiro como o Día de Rosalía por parte das corporacións municipais en sesión plenaria”. Un día no que se conmemora o 179 aniversario do seu nacemento.