Un dos riscos implícitos a que unha persoa leve 40 anos como Alcalde é que acabe créndose que os medios públicos sexan da súa propiedade e que se tome a liberdade de utilizalos como vehículo de expresión da súa propia ideoloxía. Desde o grupo municipal do Partido Popular vimos demandando desde hai anos o exercicio da pluralidade e a transparencia desde os medios públicos que deberían estar ao servizo de todos os oleirenses.
A lista de exemplos é numerosa e só hai que botar unha ollada ao rueiro e fixarse na “cor política” da maior parte de personaxes a quen se dedica rúas, prazas e parques por todo o concello e a quen se lles nega tal dereito. Por se fose pouco o orzamento do concello destinado ao autobombo do Alcalde a través de pseudo-entrevistas con preguntas pactadas en diversos medios de comunicación da comarca, a falta de pluralidade resulta especialmente sanguenta en Radio Oleiros, unha emisora de carácter municipal que desgraciadamente tamén está ao servizo da propaganda de García Seoane, negando aos veciños o privilexio que supón dispoñer dun medio tan útil e que tería que estar orientado ao servizo do interese público.
Mención á parte merecen as rotondas-mausoleo, como a do Ché Guevara, que segue indignando a diario a quen non nos afacemos a renderlle publicamente homenaxe co diñeiro dos oleirense, ou os paneis informativos de información pública que o alcalde se empeña en utilizar sistematicamente para proferir soflamas contra todo aquel que non pense como el. Así, das mensaxes recentes en contra de Ucraína #ante a invasión do seu territorio por parte de Rusia, engádense os ataques recorrentes a Israel… Nos últimos días parece que volveu a acordarse de Estados Unidos e do bloqueo ao réxime cubano…
Desde o grupo municipal do Partido Popular seguiremos denunciando o uso partidista e sectario que realiza o alcalde dos medios públicos do concello porque estamos convencidos que outro Oleiros é posible e que os veciños de Oleiros merecémosnolo/merecémonolo.