Friday 22 de November de 2024

Neda retira a cruz dos caídos dos xardíns do Coto


Tras recibir o informe histórico encargado polo Concello, a xunta de voceiros aprobou por unanimidade eliminar do espazo público este símbolo franquista

O Concello de Neda levou a cabo esta mañá a retirada da cruz dos caídos levantada nos xardíns do Coto en 1939. A medida adoptouse en cumprimento da Ley de Memoria Democrática. E fíxose, segundo o comprometido polo goberno local, tras escoitar a opinión da principal asociación memorialista de Ferrolterra, e dispor dun informe histórico que acredita que se trata dun monumento de exaltación da sublevación militar e da ditadura franquista.

A primeira hora da mañá arrincaban os traballos para desmontar e trasladar a un depósito municipal tanto a lápida como a cruz, que durante 85 anos presidiron eses xardíns. A intervención completouse con éxito en algo máis de media hora.

A retirada da polémica cruz chegaba ao pleno por última vez a finais de marzo, en forma de moción nacionalista. O equipo de goberno, partidario da desaparición dese elemento, aparcaba a decisión á espera de constituír o Consello Sectorial de Memoria Democrática, unha proposta da Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática.

No marco da primeira reunión para crear ese órgano municipal, e co fin de armar ao Concello perante posibles accións xudiciais, o goberno nedense solicitaba a redacción dunha análise histórica que despexara calquera dúbida sobre a orixe e significado desta cruz e ditaminara sobre a necesidade de facer desaparecer este monumento do espazo público.

E o informe chegou. Subscrita por tres historiadores (Xosé Manuel Suárez, Bernardo Maiz e Eliseo Fernández), a análise enmarca a construción da cruz do Coto na “campaña de inauguracións de milleiros de placas e cruces que na inmediata posguerra levaron a cabo as autoridades do réxime franquista en homenaxe ás vítimas da guerra do bando sublevado”, e explica o seu significado. Conclúen os asinantes que “como elemento globalmente considerado, é contrario á memoria democrática e debe ser retirado do seu emprazamento, de acordo coa lei”.
Co ditame sobre a mesa, o goberno de Neda movía ficha. E así, celebraba unha nova reunión coa asociación para abordar o informe, e convocaba en setembro a xunta de voceiros municipais, que acordaba por unanimidade a retirada da cruz dos caídos do Coto.
Coa desaparición dese monumento franquista, o Concello de Neda dá un paso máis cara á completa eliminación das súas rúas de vestixios da ditadura. Un proceso que pretende culminar coa activación do Consello Sectorial da Memoria Democrática.