Friday 22 de November de 2024

A sexta edición do concurso de fotografía “Muller traballadora” do Concello de Oroso crea unha categoría infantil


Aberto a veciños e veciñas das comarcas de Ordes e Santiago, os orixinais deberán entregarse na Biblioteca Municipal de Sigüeiro antes do 26 de febreiro

O Concello de Oroso vén de convocar a sexta edición do concurso de fotografía “Muller traballadora”, un certame aberto a todos os veciños e veciñas das comarcas de Ordes e de Santiago de Compostela, sexan profesionais ou afeccionados. A única esixencia para participar é que a temática das imaxes debe xirar en torno a situacións que reflictan o traballo das mulleres en calquera eido.

A gran novidade desta edición é a creación dunha categoría infantil, con tres premios consistentes en vales de agasallo valorados en 100, 60 e 40 euros. Na categoría xeral, o Concello de Oroso mantén as cantidades dos premios: 250 euros para a fotografía gañadora, así como 150 e 100 euros para o segundo e o terceiro clasificados. Con todas as fotografías, o Concello de Oroso organizará unha exposición, que poderá visitarse durante o mes de marzo no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa. As fotografías, cun máximo de tres por participante, deberán presentarse na Biblioteca Municipal de Sigüeiro antes do 26 de febreiro.

O resto das bases do concurso permanecen igual ca en edicións anteriores, como a obriga de estar presente no acto de entrega de premios, que se celebrará o 11 de marzo, ás 19:00 horas, no centro cultural de Sigüeiro. No caso de non poder asistir, poderase delegar noutra persoa.

As fotografías deberán ser orixinais e non ter sido premiadas noutros concursos. O seu formato será de 20 x 30 centímetros, en cor ou en branco e negro, e presentaranse sen montar, sen paspartú, sen marco nin cristal. As bases do concurso prohiben expresamente o uso de calquera programa de retoque fotográfico.

As fotografías entregaranse baixo o sistema de plica e cun CD coa imaxe en formato dixital. Ademais, aquelas imaxes nas que apareza unha persoa identificable deberán contar co consentimento da persoa retratada. Todas as bases do concurso poden descargase da web municipal (www.concellooroso.com).