A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe o acto de ingreso de Sarmiento no organismo, que desde hai seis décadas promove a investigación e a divulgación histórico-cultural da cidade
O Palacio Municipal de María Pita acolleu esta tarde o acto de ingreso de Rosario Sarmiento Escalona no Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, que suma ao seu núcleo “a todo un símbolo do mundo da arte na nosa cidade e tamén en Galicia, alguén que non só conta cun inmenso coñecemento no seu ámbito senón que se esforza sempre en poñelo ao servizo da sociedade”, apuntou a alcaldesa, Inés Rey.
A rexedora abriu un acto ao que tamén asistiu o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e no que participaron Ana Romero Masiá, presidenta do Instituto, e a secretaria da entidade, María de la O Suárez Rodríguez.
Na súa intervención, Rey destacou o percorrido profesional de Sarmiento, que conta tras de si cunha sólida e longa traxectoria como comisaria de exposiciones de arte, e destaca pola súa implicación “moi en especial, no campo da igualdade, en defensa das mulleres, das grandes artistas coas que contamos en Galicia e, por suposto, na Coruña”.
Neste sentido, Sarmiento ten colaborado previamente co Concello cunha mostra sobre Lola Díaz Valiño, que serviu para reivindicar a súa figura. Tamén con mostras sobre Fina Mantiñán, Soledad Penalta e Tomás Barros, entre outras e outros.
Coa súa incorporación ao Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, o organismo continúa a renovación progresiva da súa estrutura de colaboradores, impulsando unha actividade que, desde hai seis décadas, cando se fundou o Instituto, posibilitou o desenvolvemento de investigacións e publicacións vinculadas coa historia da cidade.