O próximo pleno municipal aprobará a modificación de diversas ordenanzas fiscais que levaban sen actualizarse entre 9 e 21 anos. Durante ese tempo produciuse un elevadísimo incremento de prezos, que igual que afecta ás economías familiares, tamén pon en perigo a estabilidade orzamentaria do Concello. Por responsabilidade, para manter a calidade dos servizos e para evitar problemas financeiros futuros é imprescindible realizar a revisión, que queda moi por debaixo dos incrementos do IPC durante todos estes anos e que dará como resultado uns recibos inferiores aos dos municipios da comarca.
Os ingresos recadados por estas vías destínanse ao mantemento da infraestrutura pública e aos gastos correntes do Concello. É o caso do coidado de parques e xardíns, a limpeza viaria, os servizos sociais, culturais, deportivos e educativos, a seguridade cidadá, o conxunto do persoal municipal, a factura da luz, o combustible.
A tarifa da auga levaba 12 anos sen actualizar, período no que se incrementou o IPC un 23,80%, ao que hai que engadir o 3,52% que subiu a auga que serve Emalcsa. Coa nova tarifa o incremento para a maioría da cidadanía será de 1 euro ao mes. Nos consumos superiores á media modifícanse os tramos de facturación existentes ata o de agora, de forma que se incentiva un consumo responsable aplicando unha maior taxa impositiva canto maior é o consumo. Tamén se establece como novidade unha tarifa de dispoñibilidade de 15 euros, pensando nas vivendas desocupadas e segundas residencias que se benefician da rede e a teñen á súa disposición pero que na práctica contribuían en menor medida que os veciños e veciñas empadroados no municipio.
O IBI tampouco se tocaba desde 2012, fixado no 0,605% do valor catastral pasará ao 0,6655%. Tamén vai ser actualizado o ICIO, que grava todas as obras que se realicen, incrementándose un 0,5%, equiparándose aos de Culleredo e Arteixo, quedando por debaixo da Coruña.
En canto ao IVTM, coñecido popularmente como rodaxe, é o máis barato de toda a comarca da Coruña. Coa proposta de suba, Oleiros igualaríase con Arteixo e seguiría a ter un imposto máis baixo que Cambre, Culleredo e Coruña. Nos coches de menor potencia o incremento será de 2,50 euros, con subas progresivas ata os 15 euros de aumento nos vehículos de máis cabalos fiscais.
Tamén serán incrementadas nun 2% outras taxas administrativas, unha porcentaxe que vén derivado do incremento de retribucións do persoal estipulado polo Goberno central.