Friday 22 de November de 2024

En fase de execución o proxecto demellora da estrada entre Vilarmaior e Condesuso


As obras implicaron o peche da vía desde onte e ata mañá.

Xa están en fase de execución as obras de mellora integral da estrada entre os núcleos de Vilarmaior (parroquia de Erboedo) e de Condesuso (Soandres).

Trátase dun amplo proxecto que afecta a unha lonxitude aproximada de 1.900 metros, nos que se está a ampliar a plataforma da calzada ata preto dos 6 metros e renovar a superficie de rodadura dos vehículos con aglomerado asfáltico en quente. Os traballos completaranse posteriormente coa sinalización para reforzar a seguridade viaria.

Con motivo da execución das obras, a estrada permanece cortada ao tráfico desde onte luns e previsiblemente ata mañá mércores durante o horario no que se desenvolven os traballos, de 8:00 a 17:00 horas.

O proxecto está incluído no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. O investimento alcanzará os 127.000 euros, dos cales Agader asumirá 96.000 euros, correspondendo ao Concello achegar 31.000 euros procedentes de fondos municipais.
Ademais de favorecer o tránsito rodado nesa zona rural, a actuación é estratéxica xa que mellora ese amplo tramo da estrada que comunica Paiosaco con Vista Alegre é dá acceso pola AC-523 á A-6, ao aeroporto de Alvedro e á cidade da Coruña a través da Terceira Rolda.