O alumnado dos colexios públicos de infantil e primaria recibiu esta mañá como regalo o libro editado polo Concello
Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller Rural, o Concello de Neda agasallaba a cada un dos estudantes do CEIP de Maciñeira e San Isidro cun exemplar do libro sobre igualdade de oportunidades, protagonizado polos Bolechas, e editado pola administración local. A obra, que estará tamén dispoñible nas bibliotecas escolares, permite ademais pór en valor espazos emblemáticos da vila.
As concelleiras de Igualdade, Cultura e Medio Rural, Ángeles Puentes, Marián Bello, e Margarita Díaz, respectivamente foron as encargadas esta mañá de achegar a publicación aos coles. Un libro no que os célebres personaxes creados polo debuxante Pepe Carreiro chegan ao municipio para visitar a unha amiga que, mentres descobren a localidade, fálalles dos oficios que desempeñaron as mulleres das xeracións anteriores da súa familia, e comenta todo o que lle gustaría ser de maior.
“Xuvia pode ser o que queira” alude ao papel que desempeñaron dende finais do século XIX as mulleres nedenses no desenvolvemento da economía local, e afonda na necesidade de rachar cos estereotipos de xénero no eido laboral. A mensaxe é ben clara, independentemente do xénero e do lugar onde medramos, cada un debe esforzarse por ser o que quere ser.
O libro entregarase este mércores ao alumnado do centro privado Semente de Trasancos, e poderase solicitar na biblioteca municipal ata finais da próxima semana.
Neste Día da Muller Rural, o Concello de Neda subscribe a declaración realizada pola FEMP. Un manifesto que incide na importancia de reivindicar e empoderar ás mulleres dos ámbitos rurais e defende que a sostibilidade do rural depende, en grande medida, de que a sociedade se reconfigure partindo da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.