O curso 2024-2025 conta con novidades na oferta formativa cultural da Pobra do Caramiñal. A partir do vindeiro mes ofrecerase a oportunidade de aprender a pintar retratos da man do artista Andrés Bernal.
Este xénero pictórico impartirase nos luns e nos mércores, a partir do 4 de novembro, na casa da cultura Raquel Fernández Soler. O horario é de 10.00 a 12.00 horas.
O importe a pagar é de 50 euros ao mes por dúas clases semanais, mentres que se sitúa nos 30 euros ao mes por unha aula semanal.
A Concellaría da Cultura colabora con esta acción formativa no ámbito da arte para “incorporar novidades á oferta formativa cultural dos vindeiros meses. Temos as habituais clases de pintura a cargo de Paola García e Aida López, e, a maiores, poderemos especializarnos no retrato con Andrés Bernal. A casa da cultura transcende así o papel de espazo de exposición, para se reforzar tamén no de creación”, en palabras da edil Patricia Lojo.
Máis información e inscricións na propio casa da cultura Raquel Fernández Soler ou no teléfono de contacto 981831545.