Thursday 21 de November de 2024

Unha charla-obradoiro informará a veciñanza da Pobra sobre os beneficios e correcto uso da compostaxe comunitaria


A Pobra do Caramiñal continúa dando pasos adiante en materia de xestión de residuos orgánicos cunha charla e obradoiro sobre a compostaxe comunitaria que terá lugar no venres, 18, ás 18.00 horas, no Coworking situado na planta baixa da Casa da Mocidade, a cargo da asociación AMABUL.

Esta actividade está especialmente pensada para residentes da área de influencia da illa de compostaxe do Lagar, a máis recente, que se puxo en marcha no verán do pasado ano. Ofrecerase tamén información sobre a nova lei de residuos e a separación selectiva da fracción orgánica e o taller levarase a cabo no propio colector comunitario.

“Decidimos traer esta acción teórico-práctica para seguir avanzando no compromiso desta Administración local para conciencia-la cidadanía na importancia da separación na orixe. Apostamos por implantar progresivamente a compostaxe como un novo modelo para a xestión dos residuos orgánicos. Por iso, puxemos en marcha varias campañas de compostaxe doméstica, que se traduciu co repartimento de máis de 200 colectores individuais, e reforzouse coa compostaxe comunitaria, a cal conta actualmente con catro illas na nosa localidade. Con esta charla-obradoiro, pretendemos informar e formar sobre os beneficios da compostaxe para o medio ambiente e o correcto uso por parte da veciñanza”, explica o concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro.

As outras tres illas sitúanse na zona do Castelo (entre o edificio de usos náuticos e as pistas deportivas), de Venecia (na contorna do paseo da Xunqueira) e do Caramiñal (a carón das pistas de Raquel Fernández Soler). Os colectores están xestionados por persoal municipal.

O prazo para presenta-las solicitudes de participación continúa aberto. O trámite pódese efectuar no rexistro, tanto físico coma telemático, logo de cubri-lo documento pertinente.