Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades licita por 200.000 euros a mellora dunha estrada en Papución e do acceso ás aldeas de Chamuín, Ribadas e A Grela


O proceso de licitación está aberto ata o vindeiro 30 de outubro

O Concello de Frades vén de sacar a licitación por 2000.265,42 euros as obras de mellora da capa de rodaxe dun viario en Papucín e de arranxo dos accesos ás localidades de Chamuín (Abellá), Ribadas (Ledoira) e A Grela (Galegos). Unhas obras que contan cun prazo de execución de algo máis de 3 meses e cuxo prazo de presentación de ofertas está aberto ata o vindeiro 30 de outubro. A actuación será financiada con cargo ao Plan Complementario da Deputación da Coruña.

Con esta actuación, o Concello de Frades mellorará algo máis de 4,5 quilómetros de estradas municipais e unha superficie de case 22.000 metros cadrados. A actuación máis importante terá lugar en Papucín, onde se repararán as fochancas existentes nunha estrada de 2,8 quilómetros, cuxa capa de rodaxe será mellorada con tres centímetros de mestura bituminosa nos 5,5 metros de ancho que ten o viario.

Ese mesmo tratamento asfáltico será o empregado na mellora dos accesos a Chamuín, onde se actuará sobre unha estrada de 335 metros de longo por 4 metros de ancho. A maiores, pintaranse as liñas de bordes e colocarase un sinal de Stop. Na mellora dos accesos a Ribadas empregarase un triplo tratamento asfáltico nun vario de 130 metros por 3,5 metros de ancho. Finalmente, na Grela aplicarase un tratamento asfáltico superficial e rego de selado a unha estrada de 1.260 metros, por 3,5 metros de ancho, así como a 200 m2 de abanicos, previa reparación de fochancas. Nos tres casos, as obras completaranse coa limpeza de gabias e salvagabias para a correcta drenaxe lonxitudinal e transversal das estradas.