Desde o próximo luns tamén se poderá visitar no patio do Concello a exposición fotográfica “Historias das nosas: arando na memoria” e, ademais, San Sadurniño acollerá en novembro unha das proxeccións do ciclo estatal de Cine e Mulleres Rurais
Neste 15 de outubro celébrase o Día Internacional das Mulleres Rurais, unha data que reivindica o empoderamento e a igualdade de dereitos para as mulleres que vivimos no rural, onde o desequilibrios sociais e económicos por razón de xénero son aínda máis acentuados que nas cidades. Consciente de que os cambios estruturais van sempre precedidos de cambios de mentalidade, a área municipal de Igualdade quixo dedicarlle un episodio da serie “Falando sen cancelas” precisamente a esta cuestión. No vídeo, que se estrea este martes ás 19:00h na canle de Youtube do Concello, a técnica da área, Oriana López Castiñeira, fala coa gandeira Fina López Pouso, coa empresaria Sandra Suárez Pérez e coa veterinaria e influente en redes sociais Carla Vázquez Fernández (@chuchameles), co obxectivo de “ollar máis aló dos mandís para poñer en valor a vida e o traballo que desenvolvemos as mulleres no rural, abranguendo a nosa diversidade e afastándonos de estereotipos”.
A primeira protagonista da conversa é Fina López Pouso, veciña de Piñeiros (San Sadurniño), quen desde moi nova traballou para gañar a vida, de rapaza calcetando roupa para unha tenda en Fene, e ao casar, levando a explotación familiar de leite que tiña a familia do seu home, ademais de criar a dúas fillas e tres netos. A día de hoxe está xubidada, ainda que segue tendo animais e atendendo a casa.
Outra das convidadas do terceiro capítulo de “Falando sen cancelas” é Sandra Suárez Pérez, residente en Valdoviño, que é licenzada en Dereito e traballa na actualidade no Concello de Ferrol no acompañamento e atención a mulleres vítimas de violencia de xénero no Concello de Ferrol. Ao mesmo tempo, Sandra decidiu reabilitar a casa de seus avós en Santa Mariña para montar o proxecto das afamadas galletas ecolóxicas Maruxas de Nata. Un proxecto que recibiu numerosos recoñecementos pola calidade dos seus produtos e o coidado polo medio.
A terceira participante na conversa é Carla Vázquez Fernández, que despois de criarse cos seus avós e bisavoa no lugar de Lapido, na parroquia rural de Ortoño, en Ames, e ter que marchar despois ao urbano -primeiro a Bertamiráns e despois a Lugo para estudar Veterinaria-, decidiu especializarse en gando vacún para seguir vinculada co rural. Ademais desde a repercusión que ten nas redes baixo o nome de @Chuchameles, aproveita para reivindicar o xeito de vida fóra das vilas e cidades.
Estas tres mulleres, pertencentes a tres xeracións moi distintas en canto a contextos sociais, ofrecen durante a parola coa condutora do espazo, Oriana López Castiñeira, o seu punto de vista sobre o momento e as situacións vividas por cada unha delas, ademais de debullaren os motivos que tiveron para non querer marchar ou querer volver ao rural, con todo o que iso implica de vantaxes e desvantaxes -cada vez menos- no día a día.
O contido completo da charla certamente animada mantida polas catro participantes no terceiro “Falando sen cancelas” poderemos velo este martes 15 de outubro a partir das 19:00h na canle de Youtube do Concello de San Sadurniño.
O luns abre a expo “Historias das nosas: arando na memoria”
O Día Internacional das Mulleres Rurais non só se celebrará coa publicación deste vídeo, senón que hai máis cousas programadas para os próximos días.
Así, desde o luns 21 poderemos visitar no patio da Casa do Concello a mostra fotográfica colaborativa “Historias das nosas: arando na memoria”, composta por unha vintena de instantáneas inspiradas, precisamente, nun post viral de Carla Vázquez Fernández no que retrataba fotos antigas superpostas na actualidade no mesmo lugar onde foron tomadas. A combinación de imaxes do pasado encadradas na mesma posición sobre os escenarios do presente dá como resultado estampas impagables sobre o paso do tempo, protagonizadas en moitos dos casos por mulleres.
Por outra banda, San Sadurniño tamén forma parte da sétima edición do ciclo de Cine e Mulleres Rurais promovido polo Ministerio de Agricultura. O ciclo desenvolverase cunha programación de proxeccións gratuítas en liña -do 17 ao 31 de outubro- e outra de pases presenciais en municipios de todo o Estado desde hoxe até o 17 de novembro.
Os concellos elixidos en Galicia son Betanzos, Cenlle, A Guarda, Ribadumia, Vimianzo, Parada do Sil, O Barco de Valdeorras e San Sadurniño, onde se proxectará o filme “O Corno” (Cuncha de Ouro como mellor película no Festival de San Sebastián en 2023), presentado pola súa directora, Jaione Camborda Coll.