A Pobra do Caramiñal suma unha nova semana de actividades culturais ao abeiro do programa de actos das XXVI Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán.
“Seguimos inmersas e inmersos no outubro valleinclaniano con tres novas propostas que se sucederán nestes días. Tres novas ocasións para aproximarnos a Valle-Inclán e á súa obra, que se centrarán nas letras e na dramaturxia”, nas palabras da concelleira da Cultura, Patricia Lojo.
A vertente literaria virá da man da presentación do libro A Única, Maria Casarès, de Anne Plantagenet e tradución de Isabel Soto, que se dará a coñecer no venres 18, ás 20.00 horas, no auditorio da biblioteca municipal. Aproveitarase a ocasión para ter un encontro coa actriz Berta Ojea, Premio Mestre Mateo 2023 pola serie Rapa.
Tamén se desenvolverá unha das principais novidades desta edición: a iniciativa Café con L. A sala de iconografía do Museo Valle-Inclán converterase nun parladoiro no sábado 19, ás 17.30 horas, mediante lecturas e conversas arredor do escritor degustando café con doces. Está suxeita ás inscricións previas a través do teléfono de contacto 681173484 ou do enderezo electrónico museo.valleinclan@apobra.gal ata completa-las 20 prazas dispoñibles.
E haberá tamén oco para as artes escénicas. A compañía MyH Producciones subirá ás táboas do teatro cine Elma para representar Luces de bohemia. Será no domingo 20, ás 19.30 horas.
Unha quincena de citas culturais integran a axenda do outubro valleinclaniano, que transcorrerá durante todo o mes para lles achega-la faceta e o legado do literato a tódolos públicos.