As actividades culturais e deportivas municipais non poderán iniciarse o vindeiro luns 21 de outubro, tal e como ten anunciado o goberno municipal.
O goberno municipal non finalizou aínda a contratación da empresa que xestiona o servizo e non poderá formalizar o contrato até dentro de varias semanas.
O BNG de Culleredo denuncia o retraso na contratación do servizo para a xestión das actividades deportivas e culturais municipais, que impedirán que as actividades comecen na data anunciada polo goberno municipal: o vindeiro luns 21 de outubro. Segundo consta no perfil do contratante o anuncio de licitación deste servizo foi publicado o 27 de setembro, estando aberto o prazo de presentación de ofertas até o día de onte, luns 14 de outubro. Os procedementos e prazos legais marcados pola Lei de Contratos do Sector Público fan imposible que o contrato coa empresa que resulte gañadora da licitación poda formalizarse antes do mes de novembro.
As veciñas e veciños de Culleredo estamos sometidos á eterna incapacidade do goberno municipal liderado por José Ramón Rioboo para xestionar servizos públicos básicos, nos que é perfectamente previsible a súa xestión e contratación. O servizo de actividades deportivas e culturais ten unha periodicidade anual, desenvólvese sempre nas mesmas datas e as actividades son ano tras ano as mesmas, o que debería facer ben sinxela a súa contratación. Sen embargo, o goberno municipal incumpre novamente os seus propios prazos.
Non se trata dunha cuestión puntual, xa que en anos anteriores a xestión deste servizo estivo marcado polo caos máis absoluto. En cursos pasados as actividades municipais teñen arrancado no mes de xaneiro polo mesmo motivo, ao que se suma que o cobro das taxas non teñen seguido a periodicidade trimestral coa que se anuncia, se non que se teñen acumulado durante varios trimestres sen que a veciñanza poda prever e planificar o seu pago.