● Contempla accións como a creación de zonas estratéxicas de xestión de biomasa en áreas de alto risco e nos arredores das poboacións.
● O documento establece que o risco potencial de incendios é moderado, pero incide na necesidade de intensificar a prevención.
O Concello de Miño concluíu a elaboración do seu Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, un documento crave para a protección da contorna natural e a prevención de incendios no municipio. O plan, que se someterá a votación no pleno ordinario o vindeiro xoves, 17 de outubro, responde á normativa vixente de Galicia e enmárcase dentro das políticas locais de xestión e prevención de riscos forestais.
Este plan ten como obxectivo principal garantir a seguridade dos cidadáns e a protección do patrimonio natural de Miño mediante a implementación dunha serie de accións preventivas. Entre as súas principais finalidades atópase a redución do risco de incendios forestais, que ameazan tanto o medio ambiente como as actividades económicas locais relacionadas coa agricultura e a gandería.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destacou a importancia deste plan, afirmando: “O noso monte é un activo esencial que debemos protexer custe o que custe. Este plan permitiranos actuar de maneira estratéxica e coordinada para evitar que os incendios forestais destrúan a nosa contorna e comprometan a seguridade das persoas. Queremos que Miño siga sendo un exemplo de sustentabilidade e convivencia coa natureza”.
O plan está estruturado en varios apartados que abarcan desde os aspectos normativos e territoriais ata as accións concretas que se poñerán en marcha para previr e combater os incendios
Entre outros asuntos, ofrece un estudo histórico sobre a incidencia de incendios en Miño, incluíndo datos dos últimos anos e a identificación de zonas con alta actividade incendiaria. O plan conclúe que, aínda que o risco potencial é moderado, é necesario intensificar as medidas preventivas.
Desta forma, o plan contempla a creación de zonas estratéxicas de xestión de biomasa en áreas de alto risco e nos arredores de núcleos poboados. Tamén se implementarán programas de mantemento das franxas de protección e fortalecerase a vixilancia e control das actividades nas zonas máis vulnerables.
Vázquez Faraldo conclúe convidando “a toda a cidadanía a ser parte desta estratexia. A prevención de incendios forestais é unha tarefa que involucra a todos, e con este plan damos un paso máis cara á construción dun Miño máis seguro e verde para as futuras xeracións”.
Outras medidas
Como parte das medidas complementarias na loita contra os incendios forestais, o Concello de Miño aprobou en xaneiro a súa adhesión ao convenio asinado entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga. Este acordo facilita o cumprimento da lei de retirada de biomasa no municipio. En virtude deste convenio, Seaga encárgase de definir as franxas secundarias ao redor de núcleos habitados e asume a limpeza de 10 km de viais de titularidade municipal, incluíndo cunetas, noiros e retranqueo de plantacións. Ademais, xestiona a limpeza de ata 10 hectáreas de terreos de propietarios privados que non cumprisen cos requirimentos de xestión de biomasa.