O Concello de Neda abre este xoves o prazo para anotarse no Magosto da terceira idade. Trátase dunha proposta de lecer, pensada para que as persoas maiores desfruten na vila da festa. A cita terá lugar o venres 8 de novembro, a partir das 18 horas.
O centro cívico volverá acoller esta actividade, aberta tanto a veciños e veciñas do municipio como de fóra. Unha escusa perfecta para xuntarse e divertirse.
Durante a celebración non faltará a tradicional degustación de castañas asadas e de boliños preñados, e todo acompañado de viño ou ben de refrescos e, como non, da mellor música. De feito, haberá baile amenizado por un grupo musical.
Para participar haberá que inscribirse entre o 17 de outubro e o 4 de novembro – ou ata completar aforo- nas oficinas de Servizos Sociais do Concello. Para as persoas residentes en Neda a actividade será de balde, mentres os maiores procedentes doutros municipios terán que pagar 5 euros para participar.