Friday 22 de November de 2024

Dúas montaxes brionesas de temática Disney gañan o Concurso de Disfraces de Entroido de Brión, que reuniu a máis de 500 participantes


Salvo na modalidade comparsa, os premios principais marcharon a Arzúa, Ordes, Redondela e Santiago

O polideportivo municipal de Pedrouzos (Brión) quedou pequeno para acoller o tradicional Concurso de Disfraces de Entroido do Concello de Brión, no que tomaron parte máis de 500 participantes chegados de distintas partes de Galicia e que fixeron desta edición unha das máis concorridas dos últimos anos. As fortes choivas impediron a celebración do desfile pola avenida de Santa Minia, polo que a festa trasladouse dentro o inicio ao polideportivo e os gañadores se decidiron unicamente pola actuación no interior.

Os grandes triunfadores da noite foron os nenos e nenas do CEIP de Pedrouzos (Brión), que se levaron co primeiro premio de 300 euros da modalidade comparsa con “Alicia”, unha divertida representación do clásico Disney. Tamén de temática Disney foi o segundo clasificado: “Guisan Disney”, unha selección das mellores personaxes das películas Disney da man de trinta veciños e veciñas da localidade brionesa de Guisande, que reeditaron o seu segundo posto de 2015. Os gañadores das dúas últimas edicións completaron o podium coa súa “Fantasía Liñalienixena”, de Liñaio (Negreira).

O nivel dos participantes foi tal que o xurado concedeu cinco accésits ás comparsas “Fantasía Azteca” (Noia, 150 euros), “Mira mi whatsapp” (Brión, 100 euros), “O gran musical de Shrek” (Brión, 100 euros), “Cápsulas alegría” (Teo, 100 euros) e “Samba da Maía e a súa raiña Altamira” (Ames-Brión, 65 euros).

Arzúa e Ordes

Na modalidade “Grupo adultos” o premio marchou para “Os pingüíns do monte” (Arzúa), que cos 200 euros do premio completa así un exitoso periplo polos entroidos da comarca gañando en prazas como Santiago, Oroso, Frades e Brión. O segundo premio de 150 euros foi para “As curuxas”, de Laraño (Brión); e o terceiro para “Jallejas en acsión”, de Brión, con 100 euros.

Na modalidade “Grupo Infantil”, os 150 euros do primeiro premio marcharon a Ordes e “Os xenerais do Entroido”, que levan un periplo de premios case idéntico polos entroidos da comarca. O segundo premio foi para “Me gustan as motos” e o terceiro para “Escola de samba As Crianças”, con 100 e 75 euros respectivamente.

Resto de modalidades

O resto dos premios distribuíronse da seguinte maneira:

• Modalidade adultos parellas: 1º premio (150 € ) a Yésica Rodríguez Piñeiro e Juan Carlos Almofrei Míguez por “En busca del profesor Bacterio” (Redondela); e 2º premio (100 € ) a Roberto Atanes Botana e Daniel Gómez Sánchez por “Pastor de dragones e dracotauro” (Oleiros).
• Modalidade adultos individual (+ 18 anos): 1º premio (100 € ) a Manuel Vázquez Veiga por “O anano de Mazinger Z” (Arzúa); e 2º premio (75 €) a Lorena Gómez Romero por “ET”. “A máquina expendedora” de Mónica Rodríguez Blanco levou un accesit de 65 euros

Na categoría infantil os premios consistiron en vales por material didáctico e os premios distribuíronse da seguinte maneira:

• Modalidade infantil (ata 11 anos): 1º premio (vale por 60 €) a Daniel Campos Rodríguez por “O traxe dos espellos” (Santiago).
• Modalidade infantil por parellas (ata 11 anos): 1º premio (vale por 100 €) a Uxía Facorro Meijide e María Vázquez Vázquez por “O leitiño polo que vale”.
• Modalidade xuvenil (de 12 a 17 anos): 1º premio (vale por 60 €) a Mario Cordo Nieto por “Autoescuela terceira idade”.

En total, o Concello de Brión repartiu 2.745 euros en premios. O xurado estivo presidido pola concelleira de Cultura, Iolanda Bouzas Alfonsín, e integrado por José Luís Sampedro Bouzas, Sandy Cebral Gómez, Cristina Vittores Lamas e Feliz Caramés Blanco. Tras a entrega dos premios, a festa continuou ao son da orquestra “Capitol”, que coa súa música pechou un día de intensa diversión que puxo punto e final por este ano ás celebracións do Entroido na comarca.