Friday 22 de November de 2024

Comeza a execución da segunda fase de mellora dos elementos de protección do Paseo Marítimo de Caión


O orzamento alcanza os 85.000 euros e é cofinanciado por Turismo de Galicia.

As obras de execución da segunda fase do proxecto de mellora dos elementos de protección do paseo marítimo de Caión xa están en marcha co dobre obxectivo de embelecer e aumentar a seguridade peonil mediante a substitución dun tramo da varanda de madeira, revitalizando o paseo marítimo como destino turístico.

Darase así continuidade á primeira fase. A actual intervención afecta a un tramo de 180 metros de distancia desde a praia do Caracoleiro en dirección á praia das Salseiras. Para garantir a seguridade durante o desenvolvemento dos traballos foi preciso prohibir o acceso dos peóns a ese sector do paseo marítimo. A apertura realizarase unha vez concluídos os traballos, que se prolongarán durante os próximos días.

As obras son executadas por Codema Lomba, S.L., a mesma empresa que levara a cabo a primeira fase. Aquela intervención fora posta de exemplo polo Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS Madeira) polo seu deseño integrador e o emprego da madeira de castaño como material de construción sostible e esteticamente axeitado á contorna do paseo marítimo.

O orzamento deste proxecto alcanza os 85.000 euros, contando o Concello para o seu cofinanciamento co apoio económico da axencia Turismo de Galicia no marco da liña de axudas para actuacións de embelecemento do litoral galego do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation.