Friday 22 de November de 2024

Corenta e unha obras preséntaronse a este certame organizado pola Concellería de Cultura e Ensino de Fene



O vindeiro xoves daranse a coñecer os gañadores do concurso “Mortadelo e Filemón en Fenicia”

Xa hai data para a xuntanza do xurado do concurso “Mortadelo e Filemón en Fenicia”, certame organizado pola Concellería de Cultura e Ensino de Fene ao redor da exposición “Francisco Ibáñez, el mago del humor” que se amosou recentemente no Museo do Humor de Fene. Será o vindeiro xoves, 18 de febreiro, ás 9.00 horas. O xurado -formado pola concelleira de Cultura de Fene, tres profesores de centros de Ensino do termo municipal e a coordenadora do Museo do Humor- nomeará neste encontro aos gañadores/as do concurso. Tal e como se establece nas bases, o fallo darase a coñecer a través da páxina web www.fenecidadan.gal e dos diferentes medios de comunicación.
Segundo informou a concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García, a participación no certame foi “bastante boa xa que se presentaron 41 obras e houbo participantes en todas as categorías, agás na de `bacharelato e ciclos formativos´”. A edil explicou que o concurso xordiu como actividade complementaria á exposición “Francisco Ibáñez, el Mago del Humor”, propoñéndose aos participantes que realizaran unha composición plástica (debuxo, fotografía, collage…) na que se situara a Mortadelo e Filemón nalgún escenario recoñecible do Concello de Fene.
Os premios aos que optan os participantes no concurso consisten: nun vale por un importe de 50€ en libros e diploma ( nas categorías de Educación Infantil e 1º/2º/3º de educación Primaria); reproductor Ipod Nano e diploma (categoría 4º/5º/6º de Primaria); lector de libro electrónico Kindle Paperwhite e diploma (ESO); tableta BQ Aquaris M10 e diploma (categoría Adultos).