Friday 22 de November de 2024

Preto de 90 persoas maiores de 50 anos participarán na 2ª edición do programa da Universidade Sénior da UDC en Carballo, que comeza o 15 de outubro


O próximo martes, 15 de outubro, ás 17:00 horas, terá lugar na Forum Carballo a inauguración da 3ª edición do Programa de Democratización do Coñecemento, impulsado pola Universidade Sénior da Universidade da Coruña (UDC), que contará con 88 participantes.

A Universidade Sénior, o programa universitario para maiores de 50 anos da UDC, achega unha vez máis a formación universitaria a este grupo de idade, grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e en colaboración co Concello de Carballo. O programa desenvolverase entre os meses de outubro e novembro de 2024, e todas as sesións se celebrarán no Forum Carballo, con actividades teóricas e prácticas a cargo de profesorado da UDC.

A inauguración oficial terá lugar o día 15 de outubro ás 17:00 horas e contará coa presenza de Evencio Ferrero Rodríguez, Alcalde de Carballo; Susana Iglesias Antelo, adxunta á Dirección da Universidade Sénior; e María Mar Eirís Villar, concelleira de Educación e Terceira Idade do Concello de Carballo.

O programa formativo consta de tres módulos, con sesións teóricas, de 17 a 19 horas, e sesións prácticas. Todas elas impartidas, en dous días a semana, por profesorado da Universidade da Coruña, nas que se abordarán diferentes temáticas:

MODULO 1. Arte e Patrimonio
“Unha mirada sociolóxica ao consumo e as prácticas culturais”, a cargo da profa. María Andrade Suárez
“A Moda a través da Historia” a cargo da profa. Elvira Lezcano González
“Do Renacemento ao Barroco a través da Arquitectura dos Mosteiros Galegos” a cargo da profa. Estefanía López Salas.
Visita cultural
MODULO 2. Ciencia e Tecnoloxía
“I+D e Innovación en Galicia” a cargo do prof. Alfonso Bravo Juega.
“Situarse no Mar: O Ceo como Guía” a cargo da profa. Alsira Salgado Don.
“Ciencia con Datos” a cargo do prof. Salvador Naya Fernández.
Saída de campo
MODULO 3. Saúde e Benestar
“Factores de Risco da Demencia” a cargo do prof. J. L. Rodríguez-Villamil Fernández.
“Que é o Edadismo? Reflexionando para acadar unha Sociedade Inclusiva”, a cargo da prof. Raquel Veiga Seijo
“Augas termais e Saúde” a cargo da profa. Rosa Meijide Faílde.
Saída de campo
Con esta nova edición, a Universidade Sénior reitera o seu compromiso de atender ás inquedanzas e necesidades formativas das persoas maiores de Carballo, como ven facendo tamén noutras localidades e comarcas desde a primeira edición deste programa no ano 2018.