Dende a Concellería de Servizos Municipais infórmase á veciñanza que se están levando a cabo os labores de reposición dos contedores de lixo que se atopaban en mal estado. Moitos xa superan a metade do tempo de uso estimado e están en malas condicións para reparar; polo tanto, vanse a cambiar por uns novos e os restantes vanse a reparar e limpar.
Asemade a concelleira, Tania Redondo asume a súa responsabilidade na tardanza neste senso “pido desculpas publicamente ante a veciñanza de Ribeira polos inconvenientes xerados e o que levan sufrido dende antes do verán e comprometo a mellorar isto”.
Pola outra banda manifestou que ela e o alcalde mantiveron o pasado setembro unha xuntanza coa empresa adxudicataria do servizo (Urbaser) na cal se lle volveu a trasladar o malestar dos veciños e veciñas. A empresa xustificou certos atrasos no arranxo dos contedores e no seu mantemento por mor de que a empresa contratada para os recambios non lle daba subministrado as pezas novas para os arranxos e recambios.
Redondo tamén fai saber que Urbaser contratou a outra empresa de mantemento de recambios que xa está traballando sobre o terreo, xa rematou na parroquia de Olveira e irá reparando por todas as demais parroquias nos vindeiros días e semanas.