Friday 22 de November de 2024

O Concello reclámalle a Setex Aparki máis de 700.000 euros pola liquidación do contrato da ORA e o guindastre


O Concello de Santiago vén de iniciar o procedemento para reclamarlle á empresa Setex Aparki S.A, concesionaria do servizo da ORA e do guindastre antes da súa municipalización, o pago de máis de 700.000 euros pola liquidación do seu contrato. Así se recolle na resolución da que se deu conta na Xunta de Goberno de hoxe, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimara o recurso de apelación presentado pola empresa contra a sentenza ditada hai un ano polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago.

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, informou da resolución da que se deu conta na Xunta de Goberno, na que se se lle reclama a Setex Aparki S.A a cantidade de 716.579,84 euros. Esa cifra correspóndese cos 677.379,58 euros de indemnización que foran fixados polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago na sentenza do 29 de setembro de 2023 (472.994,66 euros de canon + 35.728,16 euros de “outros conceptos” + 168.656,76 euros de xuros); aos que se lle suma a actualización dos xuros legais desde a data desa sentenza recorrida pola empresa ata a sentenza confirmatoria do TSXG do 11 de xuño de 2024 (xuros que pasan dos 168.656,76 euros a 207.857,02 euros).

Seis anos de litixio

O procedemento xudicial sobre o que agora se pronuncia o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tén a súa orixe no acordo adoptado pola Xunta de Goberno en maio de 2018 relativo á liquidación do contrato da ORA e do guindastre, no que se desestimaban as alegacións que Setex Aparki tiña presentado ao respecto. Naquel acordo, o Concello estableceu que a empresa debía abonarlle algo máis de 630.000 euros en concepto de indemnización por danos e perdas (dos que xa tiña ingresado 120.000 euros nas arcas municipais); deixaba pendente de fixar o importe da indemnización polo canon fixo, á espera de que Setex deixara de prestar o servizo; e estimaba que os bens e equipos adscritos aos servizos da ORA e do guindastre, como os parquímetros, debían reverter ao Concello.

Setex Aparqui recurriu ese acordo da Xunta de Goberno local diante da xustiza, en base a dúas discrepancias: estimaba que os parquímetros eran da súa titularidade, e esixíalle ao Concello o pago de máis dun millón de euros por eses equipamentos; e reclamaba o pago dunha indemnización pola devolución do canon do servizo e por taxas non cobradas pola retirada e depósito de vehículos. O tribunal do Contencioso Administrativo número 1 de Santiago desestimou xa en marzo de 2022 as pretensións de Setex Aparqui en canto ao cobro dos parquímetros, e no relativo á indemnización, a empresa mostrou as súas discrepancias sobre os criterios de cálculo a través de sucesivos recursos, todos eles desestimados. O último foi diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que tamén desestimou o recurso de apelación de Setex nunha sentenza con data de 11 de xuño de 2024, abrindo a vía a que o Concello poida reclamar finalmente o pago de 716.579,84 euros.

O concelleiro de Mobilidade e Convivencia explicou que “coa sentenza do TSXG e con esta resolución rematan seis anos de litixio xudicial e confírmase que o Concello fixo ben as cousas no proceso da municipalización da ORA e do guindastre”. Xan Duro salientou que “tal e como prevían o Goberno e os servizos técnicos en 2018, o Concello non terá que indemnizar a Setex, senón que ao contrario será a empresa a que teña que ingresar máis de 716.000 euros nas arcas municipais”. O edil tamén reivindicou que a municipalización “permitiu gañar en calidade e axilidade do servizo, dar unha resposta máis áxil ás mudanzas e novas necesidades no que ten que ver coa regulación do aparcamento, e controlar mellor o uso das zonas de residente e dos aparcamentos express”.