Friday 22 de November de 2024

O Colectivo RPM desenvolverá en novembro e decembro os obradoiros “Atoparnos en San Sadurniño” dirixidos á veciñanza de máis idade


A Asociación Cultural Colectivo RPM (Residencias Artísticas e Proxectos Magnéticos) é unha entidade que promove a creación artística e a súa integración como ferramenta de mellora social en distintos ámbitos. Neste sentido, a asociación vai levar a cabo “Atoparnos en San Sadurniño”, un proxecto innovador para a abordaxe da soidade non desexada entre as persoas maiores. A iniciativa, que conta con financiamento da Fundación La Caixa e a colaboración do Concello, desenvolverase na Casa da Cultura durante varios mércores dos meses de novembro e decembro. Para participar hai que anotarse contactando cos Servizos Sociais municipais no 981 490 027.

RPM é un movemento de artistas que “imaxina, deseña e acompaña distintos proxectos contextuais desde Galicia”, tal e como se apunta na súa web. O colectivo impulsa iniciativas “ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas” e, ademais do acompañamento de artistas e procesos, tamén se centra en “xerar diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía”.
Agora o colectivo deseñou o programa de actividades “Atoparnos en San Sadurniño” orientado a aquelas persoas que se atopen en situación de soidade -ou non-, “co obxectivo de crear vínculos duradeiros entre elas de cara a mellorar a súa calidade de vida”. As actividades –conducidas por un equipo de formadoras especializadas en arte e mediación– están concibidas para “pasalo ben e coñecer o que tes en común coa túa veciñanza, de cara a facer plans xuntas”.

Segundo informan desde o colectivo RPM, pódese ir só á primeira sesión -a do mércores 13 de novembro- para ver de que vai o programa e decidir se se quere seguir ou non. Quen acuda á primeira reunión atopará unha proposta sociocultural totalmente distinta ás habituais, xa que “Atoparnos en San Sadurniño” non terá o formato dunha charla ou dun curso, senón que serán as propias persoas participantes quen escollan o que queren facer con axuda das monitoras e monitores do colectivo.

Os encontros desenvolveranse na Casa da Cultura desde as 17:00 até as 19:00h dos mércores 13, 20 e 27 de novembro e 4, 11 e 18 de decembro. Trátase dunha proposta totalmente gratuita que, porén, require inscrición previa pasando polo Concello ou chamando ao departamento de Servizos Sociais 981 490 027.

“Atoparnos en San Sadurniño” é unha iniciativa do Colectivo Residencias Artísticas e Proxectos Magnéticos (RPM) que conta con apoio económico da Fundación “La Caixa”, ademais da colaboración do Concello. Entre as persoas á fronte do proxecto encóntrase a curadora e mediadora Natalia Balseiro Rodríguez, veciña de San Sadurniño e experta en dinamización cultural.