A alcaldesa, Inés Rey, informou sobre o novo contrato de mantemento do software de BiciCoruña, servizo municipal que xa rebasou o millón de persoas usuarias no que vai de ano
Ademais, xa se está a ultimar o encargo á EMVSA para que asuma o parque municipal de vivendas, co obxectivo de adaptar o patrimonio residencial do Concello ás necesidades de vivenda social que se detecten na cidade
Noutra orde de asuntos, o Concello avanza na unificación da Rede de Bibliotecas Municipais. Inés Rey avanzou que no mes de novembro arrincará o proceso necesario para definir as prazas e convocar o concurso-oposición
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá os asuntos que se aprobarán este mércores en Xunta de Goberno Local. En total, o Concello dará luz verde a diversos investimentos para a mellora dos servizos dixitais e a mobilidade na cidade por valor de 1,5 millóns de euros. Un dos máis destacados é a adxudicación á empresa Serveo Servicios SAU do contrato para o mantemento e evolución do software do sistema BiciCoruña.
Este contrato, cun importe total de 1,2 millóns de euros distribuído en seis anualidades, estará en vigor ata 2029. “O obxectivo deste contrato é mellorar a experiencia das persoas usuarias e garantir a continuidade e modernización do servizo público de bicicletas, aliñado coa nosa estratexia de mobilidade sustentable e a Axenda Urbana 2030”, explicou Inés Rey.
O sistema informático de BiciCoruña, que inclúe a xestión de estacións, aplicacións cidadás e bicicletas, estará monitorizado as 24 horas do día durante todo o ano. Rey lembrou que dende o 2022, o Goberno local investiu preto de 5 millóns de euros na renovación do servizo, consolidando BiciCoruña como un referente de mobilidade urbana.
A alcaldesa anuncio que o sistema de Bici Coruña acadou o millón de usos e destacou o éxito da iniciativa. “Nos nove meses completos deste ano, nunca baixamos da barreira dos 85.000 usos mensuais. O ano pasado tivemos que agardar ata abril para superar esa cifra por primeira vez”, explicou a alcaldesa.
De xuño a setembro, os usos rondaron o medio millón tanto no 2023 como no 2024, mentres que no 2022 foron 126.000 usos: “Son cifras que amosan o liderado do sistema e que ao mesmo tempo reflexan que a aposta pola bicicleta funciona” apuntou a rexedora. Ademais, subliñou que o uso da bicicleta permitiu evitar a emisión de 538.342,14 kilos de CO2 á atmosfera ata o momento no que vai de ano.
Contratación do servizo de nube pública
Outro dos asuntos que se aprobará na vindeira Xunta de Goberno local será a licitación do contrato de servizo de nube pública multicloud, co obxectivo de mellorar e optimizar a infraestrutura dixital ao servizo dos cidadáns.
O contrato estará repartido en dous lotes: un para a provisión de tecnoloxías de nube pública en plataformas como Microsoft Azure, Oracle Cloud, Amazon Web Services (AWS) e Google Cloud Platform; e outro para servizos profesionais, como consultoría e soporte técnico. “O noso obxectivo é que os coruñeses e coruñesas poidan acceder aos servizos dixitais de maneira máis eficiente, con dispoñibilidade 24 horas dun xeito máis rápido e seguro”, indicou Rey.
Este contrato terá unha duración de dous anos (2025 e 2026) e contará cun orzamento base de licitación de 320.056 euros, distribuídos en 160.028 euros anuais.
O Banco Municipal de Vivenda será xestionado pola EMVSA
No referente ao apartado de vivenda, a Xunta de Goberno Local dará luz verde este mércores aos trámites para completar o procedemento necesario para que a Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA) asuma a xestión do parque municipal de vivendas, unha iniciativa impulsada coa finalidade de adaptar o patrimonio residencial do Concello ás necesidades de vivenda social que se detecten na cidade a medio e longo prazo.
Inés Rey lembrou que, a día de hoxe, son máis de 400 os inmobles do Concello destinados a arrendamentos sociais, e a estes bens patrimoniais hai que sumar 26 locais, 76 prazas de garaxe e 63 rochos.
A data de inicio que marca o encargo a EMVSA para xestionar o Banco Municipal de Vivenda será o vindeiro 26 outubro e terá vixencia, de inicio, entre os anos 2025 e 2026. O Concello ten previsto destinar algo máis de 2 millóns de euros á esta iniciativa, que vai en sintonía con outra medida aprobada recentemente: a posta en marcha dun novo programa de asesoramento e orientación ás persoas arrendatarias para facilitarlles o acceso a vivenda na cidade.
Vivenda pública en Xuxán
O Concello tamén levará á Xunta de Goberno Local a licitación do servizo de asistencia técnica para a dirección das obras de construción dun edificio de 50 vivendas na parcela Z-37 en Xuxán, cun orzamento de 245.181 euros, repartidos en tres anualidades ata 2026.
As obras, que contan cunha cofinanciación do 22,92% a cargo dos fondos Next Generation da UE, pertencen ao programa de axudas á construción de vivendas en alugueiro social e edificios enerxeticamente eficientes. “A construción destas vivendas forma parte do noso compromiso coa sustentabilidade e o acceso á vivenda, seguindo os procedementos do Green Building Council España (GBCe)”, conclúe Inés Rey.
Renovación e mellora do espazo sureste do Barrio das Flores
Por outra banda, este mércores daremos luz verde ao proxecto para reurbanizar o espazo sureste do Barrio das Flores, unha iniciativa que se executa ao abeiro do Plan Director de Rehabilitación Integrada que se redactou durante o pasado mandato.
“A redacción do Plan Director tiña como principal obxectivo identificar as accións de mellora a poñer en marcha no Barrio das Flores para renovar, por exemplo, os seus espazos públicos. É o que faremos proximamente na superficie ao aire libre que hai entre as rúas Azucenas e Petunias, un espazo de 5.300 metros cadrados situado entre as torres do sureste do Barrio das Flores, lindeiras á rolda Camilo José Cela”, explicou Inés Rey.
Neste punto, o Concello acometerá unha remodelación total dos espazos de paso peonil, para garantir que os cambios de nivel sexan o máis suaves posibles para o paso das e dos veciños facilitando ao máximo o acceso ás vivendas desde a rúa Petunias e salvando os desniveis que existen ao longo da rúa Azucenas. A planificación prevista inclúe a instalación dun novo ascensor que permitiría comunicar, de forma vertical, a plataforma de acceso ao edificio de vivendas ao norte da rúa Azucenas e a plataforma de acceso ao edificio situado ao sur.
Ademais, renovarase o parque infantil que hai no centro da praza e haberá melloras na rede de saneamento e de iluminación pública, para facelas máis eficientes. En total, o investimento previsto polo Concello é de algo máis dun millón de euros.
Cómpre destacar que o proxecto foi exposto á veciñanza do barrio o pasado 1 de outubro, co obxectivo de escoitar as suxerencias das e dos residentes. “As medidas que imos abordar son moi necesarias, pola configuración actual do barrio, onde hai unha elevada porcentaxe de veciñas e veciños en idade avanzada e hai espazos que necesitamos reconfigurar para mellorar a accesibilidade xeral”, razoou a alcaldesa.
Primeiro paso para a unificación da Rede de Bibliotecas Municipais
Noutra orde de asuntos, a alcaldesa informou hoxe de que este luns, na Mesa Xeral de Negociacións, de carácter ordinario, se deu a coñecer o proceso de unificación da Rede de Bibliotecas Municipais, unha medida que forma parte dos acordos establecidos entre o Goberno local e o grupo municipal do BNG para aprobar os orzamentos deste ano.
Dito proceso, tal e como indicou a rexedora, comezará o vindeiro mes de novembro, co obxectivo de que se complete durante o primeiro semestre de 2026. Isto incluirá a definición das prazas, a publicación das bases da convocatoria para o proceso selectivo e a realización do mesmo.
“Vai ser un proceso que se levará a cabo por concurso-oposición e, deste xeito, damos cumprimento ao acordo subscrito para a unificación da Rede de Bibliotecas Municipais”, apuntou a alcaldesa.