O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou o certame poético, que terá lugar o 5 de novembro no Teatro Colón
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá os XXXII Xogos Florais de María Pita, o certame poético organizado pola Real Orde de Cabaleiros de María Pita que se celebrará o próximo martes 5 de novembro no Teatro Colón. O edil estivo acompañado de José Duarte, Mestre da Real Orde.
Este ano, os Xogos Florais de María Pita estarán dedicados ao pintor Urbano Lugrís para conmemorar o 50 aniversario do seu falecemento. “O traballo desenvolvido pola Real Orde de Cabaleiros de María Pita permite á cidadanía achegarse a través deste certame ás figuras máis importantes da nosa cidade, poñendo de actualidade o seu legado”, sinalou Gonzalo Castro durante a súa intervención.
Os Xogos Florais de María Pita teñen por obxectivo a preservación da obra de destacadas persoalidades coruñesas a través da poesía. Esta tradición comezou no ano 1861, sendo os da Coruña os primeiros de Galicia, coincidindo co 272 aniversario da vitoria dos coruñeses fronte ao exército inglés. Aquel primeiro certame tivo lugar no Teatro Principal, o que hoxe é o Teatro Rosalía.
O legado daqueles primeiros Xogos Florais colleuno a Real Orde de Cabaleiros de María Pita, que comezou a dedicar cada edición a unha persoalidade coruñesa. O Goberno de Inés Rey continúa amosando o seu apoio a esta tradición, que busca a través da creatividade honrar a grandes referentes da historia da cidade. “Reunir nun mesmo evento a tradición dos Xogos Florais e o poderoso imaxinario de Urbano Lugrís é, sen dúbida, un acerto da organización porque xunta excelencia e identidade, tamén polo que supón de trasmisión cultural, xa que axudará a que novas xeracións coñezan o abraiante universo da obra de Lugrís, talvez a pictórica que mellor representou o carácter atlántico da Coruña”, indicou Castro.
No certame poderán participar todas as persoas que o desexen, a excepción das que acadasen os premios gañadores na pasada edición. A temática xirará en torno ao pintor baixo o lema ‘A pintura como expresión plástica da poesía’. O prazo de entrega dos traballos, premiados con 2.000 euros na categoría sénior e con 1.000 na categoría xuvenil, finaliza o vindeiro 30 de outubro. As composicións poderán ser en castelán ou galego, non podendo concorrer ningún autor/a con máis dun traballo.
O veredicto do xurado para dar a coñecer ás persoas gañadoras do certame poético terá lugar o vindeiro martes 5 de novembro, ás 20.00 horas, no Teatro Colón. A gala contará coa participación da poeta Yolanda Castaño, a escritora e profesora da UDC Olivia Tudela, a Ensemble de Corda do Conservatorio Superior e o director Diego Segada Blanco.