A homenaxe está programada para o luns 7 de marzo
O Concello de Riveira xa está inmerso nos preparativos da conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora: efeméride que este ano estará dedicada das peixeiras.
Así o comunicou este mediodía a concelleira de Servizos Sociais, Promoción Social e Igualdade, Esther Patiño, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada da directora do Centro de Información á Muller, Dolores Crujeiras. O acto de homenaxe está programado para o luns 7 de marzo (e non para o día 8, que é propiamente o que lle correspondería a tal celebración) para adaptalo ás condicionantes laborais deste colectivo.
Terá lugar ás 12 do mediodía, en principio no salón de plenos do Consistorio, salvo que o número de mulleres asistentes soprepose o aforo da instalación. Neste senso, tanto Esther Patiño como Dolores Crujeiras recalcaron que o que se pretende é que participen non só as vendedoras de peixe actuais senón tamén as que realizaron esta actividade do pasado, moitas veces sen que se tivera constancia no Concello do seu desempeño laboral.
Chamamento
Por este motivo, quixeron aproveitar o acto de hoxe para facer un chamamento a todas aquelas que exerceran esta actividade para que, no caso de non recibir a chamada do Concello, se poñan en contacto co Centro de Información da Muller (situado na praza 8 de marzo, con número de teléfono 981 874 131 e correo electrónico cim@riveira.com) onde se lle subministrará toda a información necesaria para poder asistir. Como vén sendo tradicional, cada participante na homenaxe recibirá un pequeno obsequio.
Curtametraxe
Noutra orde de cousas, a rolda de prensa serviu tamén para ofrecer máis detalles acerca da estrea da curtametraxe “Un conto Disney” que terá lugar o vindeiro vernes ás 20 horas no Auditorio. Con tal moito tamén estivo presente Domingo Díaz, director de Socialdocs, quen exerceu de coordinador da gravación desta filme de 11 minutos que se esgrime como unha reflexión en torno á igualdade e a violencia de xénero.
Participaron un total de 20 alumnos de entre 14 e 16 anos dos IES Número 1 e Leliadoura e do CIFP Coroso, distribuídos nas distintas profesións que forman parte dunha produción audiovisual. Entre as localizacións, figuraban paraxes do noso municipio tan característicos como as praias de Coroso e O Vilar, o porto de Santa Uxia e o mercadillo ou as prazas riveirenses do Concello e de España.
Os comparecentes quixeron facer un chamamento á cidadanía para que acudan ao Auditorio a visualizar o resultado do esforzo dos alumnos. A entrada é libre e gratuíta.
Despois da súa estrea, a peza servirá como un soporte audiovisual para realizar charlas educativas nas aulas dos distintos centros escolares do concello.