● Outorgaranse un total de 12.000 euros en axudas para a contratación, sendo de 1.500 euros por traballador/a beneficiado.
O Concello de Miño aprobou as bases reguladoras para a concesión de axudas dirixidas á contratación temporal dos participantes do Obradoiro Dual de Emprego “Ártabro Emprende IV”. Esta iniciativa, financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, ten como obxectivo fomentar a inserción laboral das persoas que finalizasen con éxito este programa formativo.
A convocatoria, destinada a empresas e autónomos cuxa actividade estea relacionada coas especialidades do obradoiro – “Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes” e “Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes” –, outorgará un total de 12.000 euros en axudas. Este importe permitirá subvencionar ata 8 contratos laborais a xornada completa, cunha duración mínima de tres meses. As axudas serán de 1.500 euros por traballador/a contratado/a.
As entidades interesadas en participar deberán cumprir cunha serie de requisitos, como a formalización do contrato dentro dos 15 días seguintes á finalización do obradoiro, prevista para o 23 de novembro de 2024. As solicitudes poderán presentarse no rexistro xeral do Concello de Miño nun prazo de 20 días naturais tras a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
Con esta iniciativa, o Concello de Miño busca facilitar a transición ao mercado laboral das persoas que participaron no “Ártabro Emprende IV”, promovendo a contratación en sectores crave para o desenvolvemento local.
Para máis información sobre os requisitos e o proceso de solicitude, os interesados poden consultar as bases completas na páxina web do Concello de Miño ou na sede electrónica municipal.