Os gañadores e gañadoras recibirán como premio un libro de fotografía e un ano de acceso gratuíto á rede de museos municipais da Coruña, para dúas persoas
As persoas interesadas en formar parte no certame poderán remitir as súas imaxes desde mañá e ata o luns 16 de outubro
O Concello da Coruña abrirá este luns 14 de outubro o prazo para participar no concurso fotográfico a través do que se seleccionarán as imaxes que se publicarán na vindeira edición do Calendario Municipal, unha publicación editada polo Concello desde hai máis de medio século.
A través desde certame búscase implicar ás coruñesas, coruñeses e ás persoas que visitan a cidade na posta en valor do patrimonio cultural, histórico, natural e paisaxístico do municipio, un dos principais requisitos esixidos á hora de participar no concurso de fotografía. As bases poden consultarse a través desta ligazón.
O calendario consta de 24 fotografías, 12 delas antigas e outras 12, actuais, en cor, ademais dunha fotografía na primeira páxina. A este respecto, o concurso servirá para seleccionar as 12 fotografías actuais, en cor, do Calendario Municipal para o ano 2025 e, se así o decide o xurado, da primeira páxina.
O prazo de participación, aberto desde o 14 ao 28 de outubro
Cada persoa que desexe participar no concurso poderá enviar un máximo de tres imaxes.
As fotografías deberán remitirse como arquivo adxunto dun correo electrónico, ou ben por WeTransfer, ao enderezo de correo electrónico concursofotografico@coruna.gal. No asunto do correo electrónico deberá constar ‘Concurso Calendario Municipal 2025’. Cada arquivo fotográfico que se adxunte debe levar por nome o nome completo do autor máis un número por cada imaxe.
O prazo de presentación das fotografías abrirase este luns 14 e rematará o luns 28 de outubro, ambas as datas incluídas.
O xurado, composto por sete persoas
Nesta edición do Calendario Municipal, o xurado que determinará as imaxes incluídas na publicación estará composto por sete persoas, escollidas entre o Colectivo de Fotoxornalistas Coruñeses e a Corporación municipal.
Todas e todos eles serán os encargados de seleccionar 12 fotografías de 12 participantes diferentes. Se así se xustifica por razóns de calidade, tamén se escollerá unha fotografía para a portada do calendario. Ademais, seleccionaranse, por rigorosa orde de puntuación, outros seis traballos que se integrarán na denominada “listaxe de reserva”.
De cara á selección das imaxes gañadoras, terase en conta a representatividade do patrimonio cultural da fotografía, a calidade técnica e a orixinalidade da imaxe.
Os premios para as persoas gañadoras do certame
Os 12 ou 13 gañadores e gañadoras recibirán como premio un libro de fotografía e un ano de acceso gratuíto á rede de museos municipais da Coruña para dúas persoas. Ademais cada unha das persoas gañadoras recibirá dez exemplares do Calendario Municipal 2024.