Friday 22 de November de 2024

A Xunta ultima as porpostas para a xestión do risco de inundacións no concello de Ponteceso


Ángeles Vázquez trasladoulle ao rexedor que nas próximas semanas concluirán os traballos para a redacción de medidas específicas para a xestión do risco de asolagamento dos regos de Ponteceso e de Bouzas

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, avaliaron nunha reunión que mantiveron recentemente medidas para paliar o risco de asolagamentos na localidade, que, de feito, conta cunha zona declarada como área de risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

Máis polo miúdo, Ángeles Vázquez trasladoulle ao rexedor que nas próximas semanas concluirán os traballos para a redacción de propostas específicas para a xestión do risco de asolagamento dos regos de Ponteceso e de Bouzas. A continuación, técnicos de Planificación de Augas de Galicia reuniranse cos representantes municipais para realizar unha primeira valoración.

A maiores, a conselleira lembrou que a Xunta está traballando no deseño do novo Plan de xestión de risco de inundación 2028-2033 (PXRI) coa avaliación preliminar da situación dos ríos galegos desde este punto de vista, unha análise realizada por Augas de Galicia e que está en período de consulta pública co fin de recompilar as posibles achegas de entidades e cidadáns para minimizar os efectos dos asolagamentos sobre o territorio, a economía e a poboación.

Esta planificación, que se realiza en ciclos de seis anos, comeza sempre cun estudo preliminar do risco de asolagamento co fin de identificar aqueles tramos fluviais máis vulnerables por presentar un risco significativo ou probable de provocar este tipo de episodios. E, de feito, no marco dese estudo, e tras analizar todos os episodios de asolagamento rexistrados entre os anos 2018 e 2023, suxírese a ampliación da ARPSI de Ponteceso en 3,7 km, para incluír o rego do Cruceiro e o do río Pouso, xa que os estudos de xestión do risco de inundación xa redactados así o recomendan.

Para concluír, Ángeles Vázquez subliñou que a Xunta segue avanzando tamén nos estudos relativos ao cambio climático e os seus efectos nos ríos xa que axudan a realizar unha valoración cuantitativa das variacións nos caudais de avenida esperados en función dos distintos escenarios.