Friday 22 de November de 2024

Xaquín del Valle-Inclán Alsina diserta na Pobra sobre a busca do misticismo por parte do literato a través do cáñamo índico


Unha palestra titulada O modernismo e as drogas desenvolveuse na tarde deste 11 de outubro no auditorio da biblioteca municipal dentro da programación das XXVI Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán promovidas pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal.

O modernismo foi, en palabras da concelleira da Cultura, Patricia Lojo, “un período de experimentación estética e visual” e Valle-Inclán foi unha figura “transgresora, que desafiaba as regras.” Nesa época era habitual o consumo de opio e absenta nos círculos artísticos, algo que se pon de manifesto dende o simbolismo francés ata o modernismo hispanoamericano.

Tamén interveu o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, para indicar que esta conferencia a cargo do propio Xaquín del Valle-Inclán Alsina é un exemplo da calidade do programa de actos desta edición; unha calidade que vai medrando ano a ano. Convidou, así mesmo, a desfrutar das artes escénicas no teatro cine Elma durante os domingos deste outubro valleinclaniano e que o público contemporáneo se mergulle así na obra dun artista internacional traducido a 33 idiomas a través do talento interpretativo de compañías de renome no panorama galego e nacional.

Deseguido, Xaquín del Valle-Inclán Alsina ofreceu un contexto da época na viviu o seu antepasado: anos nos que a prensa e as revistas médicas contiñan anuncios e recomendacións do consumo de estupefacientes para tratar enfermidades. Por poñer un exemplo, a revista da farmacoloxía española recomendaba o uso de xarope de morfina ou opio contra a febre tifoidea. “O que nós chamamos drogas, era parte do seu mundo habitual”, declarou o investigador. Se ben xa había voces críticas como o Diario El Sol que, en 1918, publicaba Madrid se envenena y la autoridad se inhibe, con relación ao uso popular da morfina. Segundo expuxo, moitos artistas e escritores utilizaban os estupefacientes como “unha maneira de adentrarse no misterio, de escapar do tempo e do espazo.” E, precisamente, iso era o que buscaba Ramón María del Valle-Inclán como pode dilucidarse en obras como La lámpara maravillosa, no prólogo de La medianoche ou en La pipa de kif. Isto último, ao que o literato se refire como kif ou cáñamo índico, algo que fumaba habitualmente, é o que nós coñecemos como haxix. Se ben, o relator indicou que para o seu avó “trátase dunha búsqueda de introspección. Non hai ningún interese no método placenteiro.” Constituía para el, polo tanto, unha vía para “explorar novas dimensións”, pero o fin último non era a inspiración para a creación literaria.