Evencio Ferrero reuniuse este venres con empresarios das rúas afectadas polas obras de prevención do risco de inundación nas ribeiras do Anllóns
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, mantiveron este venres unha xuntanza cun grupo de comerciantes da contorna da ponte da Casilla, que expresaron a súa preocupación pola incidencia nos seus negocios das obras que está a desenvolver Augas de Galicia na ponte, que este mes quedou cortada tamén ao tránsito peonil.
O Concello de Carballo púxose a disposición da veciñanza para intentar minimizar os efectos das obras, que teñen como finalidade reducir o risco de inundación nas beiras do Anllóns. A competencia municipal limítase, tal como recolle o convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Xunta de Galicia, á posta a disposición dos terreos e á ordenación do tráfico, e nese sentido ofreceuse toda a colaboración para mellorar a sinalización e a circulación.
Calquera outra actuación depende de Augas de Galicia, e nese sentido os comerciantes decidiron elaborar un escrito para solicitar unha reunión con este departamento autonómico. O goberno local ofreceuse como intermediario e tamén para acompañar aos afectados, se así o consideran, nesa entrevista.