Hoxe tamén arrincaron tres dos nosos cinco clubs de lectura, e nalgún deles aínda quedan prazas dispoñibles
As bibliotecas de Carballo puxeron en marcha hoxe unha nova iniciativa: un programa de inclusión social a través da lectura que vai destinado a persoas con necesidades especiais e no que contamos coa implicación da educadora social Uxía Verdía.
Pola mañá inauguramos Rompendo barreiras, un proxecto punteiro en Galicia que pretende mellorar o acceso á lectura e ás actividades culturais para persoas con necesidades especiais en todas as idades, promovendo deste xeito a súa máxima inclusión social, e no que se outorga unha especial importancia ás bibliotecas como porta ao acceso universal á información e á cultura.
Nesta primeira sesión recibimos nas Escolas do Xardín Agra de Caldas a visita dun grupo de usuarios/as de Aspaber e APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais), que traballaron sobre a importancia de pasar desapercibido/a ou non en relación co baile de máscaras de Shakespeare.
Pola tarde seguimos rompendo barreiras cos máis pequenos e pequenas. O mundo por descubrir nos libros é unha actividade que tenta dar resposta á necesidade de adaptar os métodos de ensino e os recursos literarios para facelos máis inclusivos e que busca non só introducir os nenos e nenas no mundo dos libros, senón tamén adaptar a experiencia para que sexa significativa e accesible para todos e todas.
Esta intervención, destinada a nenos e nenas de 6 a 12 anos con necesidades especiais, estrutúrase arredor dunha dinámica moi flexible e personalizada que busca promover o desenvolvemento cognitivo, lingüístico e emocional dos e das participantes mediante experiencias de lectura enriquecedoras e accesibles. As sesións celebraranse en venres alternos, de 16.00 a 17.00 horas, e as persoas interesadas poden inscribirse en bibliotecacarballo@carballo.gal.
Clubs de lectura
Hoxe tamén arrincaron tres dos cinco clubs de lectura que impulsamos este ano desde a Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística. A concelleira delegada da área, Ángeles Pacoret, achegouse para saudar aos participantes no club de animación á lectura para peques que aínda non saben ler, no que xa non quedan prazas. Sara Varela encárgase da dinamización desta actividade e tamén do club de lectura en galego para nenos/as de 7 a 12 anos, outro dos que estreamos hoxe.
O terceiro foi o club de lectura en galego para adolescentes de 13 a 17 anos, que tamén se xuntarán en venres alternos para poñer en común as súas impresións sobre os libros que vaian lendo. Neste caso, a actividade está coordinada por Nerea López. Aínda hai prazas dispoñibles!
En canto aos maiores de 18 anos, o club de lectura en galego da biblioteca da rúa San Xoán xa empezou o mes pasado e o vindeiro luns 14 tamén arrincará o da biblioteca Rego da Balsa, dinamizado un ano máis por Marta Villar. As xuntanzas serán o segundo luns de cada mes ás 18.00 horas, e tamén hai prazas libres.
Se estás interesado/a en unirte aos nosos clubs de lectura infórmate no teléfono 981 758 580.