O cine púidolle ao mal tempo. Nunha tarde de alerta laranxa por auga e vento a Casa da Cultura ateigouse de xente para fartarse de chanfaina audiovisual. Máis de 150 persoas asistiron á estrea das curtas da segunda edición do proxecto Chanfaina Lab, que achega unha vintena de miradas sobre San Sadurniño e a súa xente a través da ficción, o documental e as reflexións experimentais sobre a paisaxe. O pase das curtametraxes desenvolveuse cun formato de sesión continua partindo as proxeccións en dous bloques presentados polos directores e directoras de cada unha das pezas. Entre o público, protagonistas das historias contadas, xente que participou no proceso de produción e ducias de veciños e veciñas que acudiron á sala para pasar un serán de cine galego moi próximo.
Secundino García abriu o evento cun agradecemento tanto para Manolo González e Carmen Suárez -impulsores do proxecto- como para as persoas artífices das curtametraxes a un lado e outro da cámara. O alcalde sinalou que o Chanfaina “é unha aposta polo cine galego e polos seus creadores e creadoras” e destacou o valor da iniciativa, cualificada polo rexedor como “unha mirada sobre San Sadurniño desde outra perspectiva e outros ollos”. García reivindicou, ademais, o apoio á creación “en tempos duros para a liberdade de expresión”, introducindo no seu discurso o recente episodio dos monicrequeiros presos en Madrid. “Eu quero ser un titiriteiro máis”, dixo o alcalde.
O principal artífice do Chanfaina, o profesor e académico do audiovisual Manolo González, fixo unha presentación contextualizada dunha experiencia cociñada “como todos os pratos na cociña tradicional” sobre un trespés. González botou man da metáfora da trepia para falar dos tres piares que sustentan o proxecto. O primeiro, os e as cineastas “que dun xeito libre decidiron apostar por pasar connosco unha fin de semana e gravar o que considerasen oportuno, asumindo en moi pouco tempo un reto moi difícil”. A “segunda pata” foi para González o Concello “e o seu equipo de xente” por apoiar a iniciativa e, por último, o terceiro fundamento en palabras do profesor foron os propios veciños e veciñas das parroquias do municipio: “a terceira pata do trespés sodes vós, a xente que abre as súas casas para deixar entrar as cámaras”. Neste punto o coordinador do Chanfaina Lab asegurou que nas curtas “saen máis de 120 persoas de San Sadurniño”, unha cifra que dá idea da implantación da proposta malia a súa xuventude.
Tras esta pequena introdución comezaron os dous bloques de proxeccións precedidos por unha tamén breve sinopse de cada un dos creadores e creadoras. Estaban case todos -só houbo algunhas ausencias por razóns laborais- desde o escenario puideron escoitarse as impresións de xente premiada e experimentada no audiovisual, pero tamén as de xente que se adentraba por primeira vez nun mundo novo con ilusión e enormes ganas de contar.
A festa do cine local durou máis de tres horas e aínda se prolongaría durante a noite. De feito aínda ha continuar nas próximas semanas, xa que desde este venres as curtas do Chanfaina Lab irán estreándose na canle de youtube do proxecto. Ademais, boa parte das pezas iniciarán agora o seu percorrido por festivais, congresos e certames de dentro e fóra de Galicia, levando de novo o nome de San Sadurniño alén do coto de Ancos, da Louseira, do Forgoselo e do Couto Agudo.