Friday 22 de November de 2024

En marcha o proxecto de mellora do pavimento no sendeiro de Saldoiro


O orzamento supera os 28.000 euros a cofinanciar entre o Concello e a Xunta de Galicia.

As obras de mellora do pavimento do Sendeiro de Saldoiro de Caión xa están en execución. O proxecto afecta ao último tramo construído do paseo marítimo e consiste na restauración do firme nas zonas que presentan un maior deterioro debido ao paso do tempo.

A actuación respectará e conservará as características construtivas e formais do sendeiro. De feito, os materiais antigos son reutilizados mediante un proceso mecánico consistente no fresado e o triturado para, a continuación, volver estendelo sobre o pavimento, compactándoo e engadindo unha pequena porcentaxe de cal para estabilizar a superficie.

Tamén se está a realizar a completa limpeza e eliminación da vexetación, e van ser renovados os bordos de madeira precisamente cos obxectivos de conter o crecemento da herba cara o espazo de tránsito peonil e de embelecer a infraestrutura. Ademais, será reparada e consolidada a varanda de madeira existente que protexe aos sendeiristas ante o desnivel que presenta ese tramo.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro responsable da área de Obras Públicas, Pablo Cambón, desprazáronse ata Caión para manter un encontro cos operarios no propio lugar dos traballos e coñecer o resultado das primeiras intervencións que se van prolongar durante os próximos días.

O orzamento supera os 28.000 euros a cofinanciar entre o Concello e a Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede Natura 2000.