A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentaron esta mañá o acto ‘Celebrando Begoña Caamaño, 10 anos con nós’, organizado polo Concello para homenaxear a vida e obra da xornalista e escritora, falecida en Compostela en 2014. O acto terá lugar o vindeiro domingo 27 de outubro ás 18 horas no Teatro Principal e contará coa presenza de recoñecidas figuras da cultura como Ana Romaní, Andrea Nunes, Guadi Galego, Tero Rodríguez e Uxía que recordarán a autora a través dun percorrido pola súa carreira literaria e poética.
Míriam Louzao destacou que o Concello de Santiago quere lembrar con este acto “a figura e legado de Begoña que seguiu acompañándonos no día a día, e de maneira especial agora coa chegada da data de aniversario do seu pasamento”. O Teatro Principal acollerá este evento de celebración o vindeiro 27 de outubro ás 18 horas e contará coa participación de Ana Romaní, Andrea Nunes, Guadi Galego, Tero Rodríguez e Uxía que recordarán a autora a través dun percorrido pola súa obra literaria e poética a través de Morgana, do Alalá das Mariñas, do Libro das Amigas e de “tanta outra creación literaria e poética que ten suxerido a figura de Begoña a todas elas durante estes anos”.
Goretti Sanmartín recordou a “importancia capital” da figura de Begoña Caamaño para a cidade de Santiago e para toda Galicia, polas súas múltiples aportacións como novelista, xornalista cultural, defensora das liberdades e de dereitos, activista feminista e antimilitarista e mecenas do mundo da música, polo que a súa “perda foi sentida con moita forza en Compostela. A rexedora tamén convidou a cidadanía a asistir a este acto que é un “exercicio de memoria para que as xeracións máis novas tamén saiban da importancia de ter referentes” como Begoña Caamaño.
Programa do acto
Un tema musical inédito “Morgana” composto por Uxia e Magín, inspirado no seu libro, a actuación conxunta de Guadi e Uxía acompañadas pola arpa de Bleuenn Le Friec e algún outro tema sorpresa comporán a parte musical.
Tero Rodríguez intrepretará “A voz de Morgana”, un breve monólogo inspirado na personaxe creada por Begoña Caamaño “no que a palabra abre gabias e rebenta valos”.
“Tamén celebraremos todo o acontecido, creado, ensinado, reflexado ao redor de Begoña na literatura, na poesía, no feminismo, nas iniciativas culturais que tanto ten inspirado e alentado”, explicou Míriam Louzao que animou a toda a veciñanza a encher o Teatro Principal para celebrar a vida e obra Begoña Caamaño.