Thursday 21 de November de 2024

O Concello renova o seu compromiso coa inclusión no deporte e a cultura coa posta en marcha de 37 proxectos


A alcaldesa, Inés Rey, asinou os convenios de colaboración dos programas ‘Deporte solidario e inclusivo’ e ‘Cultura accesible e inclusiva’, da Fundación Emalcsa

O Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, renova a súa aposta polo deporte e a cultura inclusivas na cidade da Coruña. A alcaldesa e presidenta da Fundación, Inés Rey, asinou esta mañá os convenios de colaboración coas entidades seleccionadas na undécima convocatoria de ‘Deporte Solidario e Inclusivo’ e na oitava convocatoria de ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ para a posta en marcha de 37 proxectos sociais, dous máis que hai un ano, que contan cun investimento de máis de 300.000 euros. Estes dous programas están impulsados polo Concello da Coruña en colaboración con Gadisa, no caso da convocatoria de deporte, e de Vegalsa e a Fundación María José Jove, no de cultura.
O acto estivo presidido pola alcaldesa, acompañada pola concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e o xerente da Fundación Emalcsa, Manuel Aguiar, así como por representantes das entidades beneficiarias e dos
patrocinadores de ambos os programas.
Rey puxo en valor os programas ‘Deporte Solidario e Inclusivo e ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ como unha alianza entre as entidades públicas e privadas e reafirmou o compromiso do Goberno local coa comunidade deportiva e cultural da cidade, proporcionando os recursos necesarios para a continuidade do seu labor social.
A rexedora destacou a contribución de Gadisa, Vegalsa e a Fundación María José Jove como ‘un claro exemplo da importancia da colaboración ente entidades para impulsar proxectos como os que se seleccionaron nesta edición’, continuou Rey.

Deporte Solidario e Inclusivo
Desde a súa primeira edición, o programa ‘Deporte Solidario e Inclusivo’ destinou axudas para a promoción da igualdade de oportunidades, a integración social e o fomento de hábitos de vida saudables a través do deporte. A undécima convocatoria do programa conta cun orzamento de 250.000 euros para financiar proxectos enfocados na integración de colectivos vulnerables a través do deporte. Desde a creación deste programa de axudas, o Concello da Coruña, a través de Fundación Emalcsa, destinou máis de 2,7 millóns de euros a ‘Deporte Solidario e Inclusivo’.
As 23 entidades subvencionadas na décima convocatoria do programa ‘Deporte Solidario e Inclusivo’ son: Asociación de Montañeiros Independentes, Club Escola de Tenis Marineda, Real Sociedade Deportiva Hípica da Coruña, Club Galicia Rollers, Zalaeta 100Tolos, Club de Rugby Arquitectura Técnica (CRAT), Club de Pelota A Coruña, Sporting Club Casino, Club Halterofilia Coruña, SD Orillamar, Club Torre SD, Viaxes Amarelle FS, Eirís SD, Club Natación Coruña, Club Esgrima Coruña, Victoria CF, Sociedade de Montaña Ártabros, Club Esgrima Atlántico, Club Hércules XTRM, Real Club Náutico, Silva SD, 5 Coruña Fútbol Sala e Athletic Coruña Hockey Club.

Cultura Accesible e Inclusiva
A través do programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’, Fundación Emalcsa destinou desde 2016 máis de 800.000 euros para financiar proxectos de integración social a través da cultura, coa contribución, desde a súa primeira edición, da Fundación María José Jove e Vegalsa. Todas as iniciativas comparten a vocación de traballar pola inclusión de colectivos discriminados socialmente por motivo de discapacidade ou baixos recursos económicos, ofrecéndolles espazos culturais seguros e os medios necesarios para mellorar o seu benestar e desenvolvemento persoal. As entidades seleccionadas nesta oitava convocatoria poñerán en marcha un total de 14 proxectos sociais que terán como obxectivo principal o impulso da cultura como instrumento transformador.
As 14 entidades ás que se concedeu as axudas da VIII convocatoria do programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ son: Asociación Poten100mos, Asociación Cultural Coruñesa Negus,

Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes, Asociación Cultural Noite Bohemia, Asociación Cultural 3 por 4, Viraventos, Ese8, Asociación Cultural para a Integración Social (Diversos), Asociación Cultural AïS, Asociación Cultural Albatros, Asociación Xuvenil Atlántica, Asociación Por Qué No Ayudar, Asociación Socio Cultural Acampa e Sociedade Filatélica da Coruña.