Friday 22 de November de 2024

O Rocódromo de Riazor acolle o Campionato Galego de Escalada de Dificultade ‘Cidade da Coruña’


A competición reunirá a 100 deportistas de distintas categorías este sábado

O Rocódromo de Riazor será escenario este sábado 12 de outubro da celebración do Campionato Galego de Escalada de Dificultade “Cidade da Coruña” organizado pola Federación Galega de Montañismo e que conta coa colaboración do Concello da Coruña. O Goberno de Inés Rey continúa fomentando a práctica do deporte e a celebración de grandes eventos na cidade. Neste caso, o Rocódromo de Riazor, reformado recentemente, é o único de Galicia que dispón de muro de escalada de velocidade con sistema de cronometraxe.

O evento reunirá a 100 deportistas das categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil, absoluta e veterán de máis de 40 anos dos que sairán os campións galegos. Os máis destacados poderán optar a formar parte da selección galega de escalada. En colaboración co Concello da Coruña, a selección adestra neste rocódromo nas modalidades de velocidade e dificultade. No campionato participarán equipos e clubs federados das provincias galegas,pero tamén acompañados de clubs de Asturias, Castela e León e Estremadura.

Como novidade, nesta competición haberá por primeira vez a nivel galego unha categoría especial de paraescalada, na cal poderán participar persoas con discapacidade intelectual, adaptando a competición para que poidan gozar dun campionato galego.

A competición comeza ás 09:00 do 12 de outubro. Poderá entrar de maneira gratuíta todo aquel que o desexe, ata completar capacidade.