Sunday 24 de November de 2024

Ribeira aproba os Orzamentos de 31,6 millóns de euros destinando 5,2 a investimento e reforzando servizos básicos á poboación


Nun pleno extraordinario dunha hora e tres cuartos de duración, debateuse e finalmente aprobouse o límite de gasto non financeiro e os orzamentos municipais 2024 por 11 votos a favor do BNG, PBBI e PSdeG-PSOE e 10 votos en contra do PP. Son as segundas contas que aproba o goberno local ribeirense en 15 meses.

O rexedor, Luís Pérez Barral, introduciu o debate explicando as liñas xerais deste orzamento para o novo exercicio 2024 que contará cun Orzamento de 31.615.596,22 euros, esta cifra supón unha redución dos recursos de 4.742.624,09€ con respecto ás contas do ano 2023. Barral explicou dita diminución e argumentou que os Orzamentos de 2023 consignáronse o 100% dos investimentos de carácter plurianual con diversas obras como son a obra de renovación da casa consistorial que xa acada os 3.855.000€. Así mesmo, as contas da anualidade 2023, tamén incluían os fondos achegados por distintas Administracións como: fondos Next Generation, Pirep 1 e 2, Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, Fortalecemento da actividade comercial, a subvención de Transformación Dixital e distintos convenios asinados ca Xunta de Galicia.

Por outra banda o capítulo II, de gastos en bens correntes e servizos, increméntase en máis de 1.645.523 euros derivado do importante aumento dos custos enerxéticos, a alza dos contratos de Servizo de Axuda no Fogar (dependencia), Escola Infantil Municipal e pola revisión de prezos en contratos de servizos de auga e saneamento, recollida de lixo e alumeado público que absorben máis dun millón de euros en subas de 504.000€, 377.000 e 132.000€ a maiores respectivamente.

No capítulo de ingresos correntes comunicou que ascenden a 26,5 millóns de euros entre a suma de impostos directos, indirectos, taxas, transferencias correntes así como os ingresos patrimoniais; máis os derivados das operacións de capital que suman 2,3 millóns polo que se acada unha cifra final de ingresos de 31,6 millóns de euros.

O rexedor detallou tamén que a liña de actuación emprendida polo anterior goberno segue provocando unha carga financeira importante para o Concello e hai que facerlle fronte aos gastos pendentes de abonar, os exemplos deses gastos son os 638.000€ que están pendentes de aboar pola construción do novo auditorio, os 744.000€ do módulo cuberto de atletismo, 537.000€ destinados ao alumeado público, 23.500€ para facturas pendentes da rehabilitación do lavadoiro do río Artes, os 16.000€ que haberá que gastar para rematar o Centro Social de Carreira ou os 11.000€ da liquidación da obra realizada na escola unitaria de Corrubedo. Ademais aínda se deben uns 90.000€ a empresas que realizaron os seus servizos no mandato anterior.
Pérez Barral referiuse ás prioridades xerais destes orzamentos que son evitar a suba de impostos e reforzar mantementos, limpezas e coidado de persoas; se continúa apostando por
incrementar as partidas que son prioritarias como mantementos, limpezas ou o coidado de persoas. Así pois, por segundo ano consecutivo sóbense as partidas destinadas a conservación de infraestruturas (+11,1%), deportes (9,2%), dependencia (18,6%), medio ambiente (+20.000€).

Tralo aumento dun 28,05% do ano pasado o equipo de goberno tamén destacou o aumento dun 1,7% da partida destinada a apoiar as entidades deportivas, sociais, culturais, educativas así como a eventos deportivos, culturais, festivos e económicos que acada a cifra de 850.400 euros.

Os investimentos acadan a cifra de 5.260.000 euros dirixindo o groso das actuacións a seguir mellorando os servizos básicos de saneamento, dotación de auga potable, pavimentacións, eficiencia enerxética, mobilidade ou o reforzo eléctrico para o novo polígono industrial. Destes fondos 2.610.000 virán a través dun préstamo, 794.000€ que achega a Deputación da Coruña, 692.000€ de fondos Next Generation, 629.000€ que achega a Xunta de Galicia e os 282.000€ de fondos propios.

A concelleira de Facenda, Herminia Pouso, comezou a súa quenda de palabra explicando que “é necesaria a aprobación dos orzamentos para seguir impulsando aquelas actuacións que están pendentes da dotación orzamentaria e poder avanzar cos procedementos de contratación”.
Segundo explicou Pouso Maneiro, “preséntase un Orzamento nivelado no estado de gastos e de ingresos e o que se acompaña de toda a documentación requirida na norma: Informes de Intervención, Secretaría, memoria da Alcaldía, cadro de persoal, anexo de investimentos, cadro de endebedamento, bases de execución”. Cúmprese coa regra de gasto, estabilidade e tense previsto alcanzar un nivel de endebedamento do 56%, porcentaxe inferior o límite que nos establece a norma que é do 110%.

Os ingresos que se recollen son suficientes para dar cobertura aos gastos correntes e a amortización anual das distintas operacións de créditos xestionados en pasados anos.

Pouso explicou que “o proxecto do orzamento está baseado en previsións realistas e obxectivas no referente a parte de ingresos”. A concelleira de Facenda reprochou como no Orzamento de 2021 o goberno daquel entón, incluíra unha partida de ingresos de 8 millóns de euros pola venda de parcelas dun polígono industrial que non estaba feito. No referente o proxecto de gastos recolle as contías necesarias para afrontar o funcionamento dos servizos que se lle prestan á cidadanía ademais de dar cobertura aos incrementos de prezos dos contratos e outras obrigas que proceden de exercicios anteriores que son esixibles para o concello”.

O segundo tenente de alcalde, Suárez-Puerta e a concelleira Cruz Rivadulla defenderon o proxecto presentado polo goberno local poñendo en valor a contención na carga fiscal evitando a suba de tributos á poboación e salientando o aumento das partidas sociais, limpeza, dependencia ou mantemento destacando as seguintes actuacións:
Melloras e ampliacións da rede de auga potable en: rúa Río Azor (Palmeira), Arribas (Artes), Sirves (Olveira), estrada DP-7304 (Olveira), rúa da Cerca (Aguiño), así como a auditoría da rede de auga potable.

En materia de saneamento actuarase en Lixó (Oleiros), Arribas (Artes) e investiranse 262.000€ a realizar diversas actuacións urxentes na depuradora de Couso.
En materia de pavimentacións actuarase nun camiño e na estrada dos Muíños (Oleiros), rúa Castelao (Aguiño), camiño en Mámoa-Laxes, camiño en Vilar-Vixán (Carreira), rúas Revolta e Fonteseca (Castiñeiras), renovación de servizos e pavimentación rúa Canaval e unha nova senda peonil en Teira (Corrubedo), pavimentación e drenaxe pluviais en Agro de Carolo (Palmeira).
En eficiencia enerxética prevese investir 100.000€ na instalación de paneis solares no conservatorio, oficina de turismo, centro de raqueta e policía local co obxectivo de reducir os gastos enerxéticos.
En materia de mobilidade sustentable destinaranse 648.000€ para crear unha senda ciclista entre Coroso e Palmeira.

En materia industrial, o Orzamento 2024 recolle xa unha importante actuación do novo polígono industrial ao destinar 635.000€ para o reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica que permita satisfacer a demanda de e enerxía que terá o novo polígono industrial, situado no lugar de Pedras Vermellas.

En materia ambiental ademais das tarefas habituais, o Orzamento 2024, tamén contempla destinar 100.000€ á posta en marcha dun programa de compostaxe dirixido ás parroquias e outro de erradicación de especies invasivas.

En materia comercial consígnanse fondos para campañas de apoio ao comercio que se realizan o longo de todo ano e unha partida específica de Nadal que en total supoñen 25.000 euros.

En materia de educación recóllense un aumento da contía destinada a apoiar as actividades a realizar polas Anpas co obxectivo de dar cobertura aos custes de monitorados naqueles centros que teñan en marcha programas madruga ou comedores escolares.

Dende o goberno local púxose énfase en que as contas aprobadas garanten o bo funcionamento dos servizos públicos que se lle presta á veciñanza ademais de dar cobertura aos incrementos de prezos dos contratos e outras obrigas que proceden de exercicios anteriores que son esixibles para o Concello. Estas contas son froito da escoita activa das necesidades formuladas pola poboación por iso se priorizan as dotacións de servizos básicos.

O documento terá que someterse agora a información pública para que a aprobación sexa definitiva e poida entrar en vigor.